Arquivo da categoría: multiculturalismo

186| Ansia de imperio lingüístico e medo ao plurilingüismo

Emisión DIARIO CULTURAL 08/06/2009

Fixéronnos crer que o problema eran o galego, o catalán e o euskera, pero en realidade o problema teno o español, que quere selar a súa hexemonía sen fendas no Estado, ser a segunda lingua de Europa e manter a preponderancia no continente americano para entrar no mundial contra o inglés e o chinés. A voracidade uniformizadora das linguas dominantes non coñece límite por interese ideolóxico, económico e neocolonial, porque a lingua segue a ser compañeira dos imperios.

Se o grande logro dos anos 80 e 90 fora converter as linguas do Estado Español en patrimonio común, o escenario político actual emprega a lingua como Guardiola o seu vídeo: para exaltar no vestiario nacional as emocións primarias dos xogadores, neste caso, exaltar aos falantes para que defendan “a camiseta da lingua”. Mentres canéase cos conceptos. Ninguén se atreve no Estado a defender o monolingüismo así que se mutou cara a un bilingüismo español-inglés, que, dito en simple, aspira a que o español se equipare ao inglés no hemisferio norte (Europa e Norteamérica) grazas á presión poboacional vida do outro hemisferio (América Central e do Sur). Por iso o nacionalista Mayor Oreja defende que o español sexa a segunda lingua europea e o neocolonialista Juan Luis Cebrián afirma que esta lingua nunca se impuxo nas colonias, senón que (tradúzolles) “foi a independencia das repúblicas americanas no século XIX a que impulsou o español como lingua de identidade nacional”.

Mentres, en Galicia, Cataluña e Euskadi os mesmos formulan un trilingüismo que Xesús Vázquez explicou como unha matrioska: “Eu son galego, vivo en España, son español e vivo nunha Europa cada vez máis global”. Con esa fórmula de monolingüismos sucesivos deseñáronse as famosas enquisas, nas que se imaxina un país inexistente no que só hai dúas linguas, para demostrar en realidade a xeraquía: o galego como lingua rexional, o español como lingua nacional e o inglés como lingua global. Na enquisa de Educación Infantil, ao preguntar pola lingua inicial, só aparecen tres opcións: galego, castelán ou as dúas. Se a rapazada forma parte dese sector da poboación que vive en Galicia e fala outros idiomas, e hainos, non teñen cadriño para responder. A segunda pregunta di: “Cal é a lingua habitual na que fala o seu fillo/a con vostede?”, e de novo o despregable, así que, se non puideron responder á primeira, se cadra tampouco poden responder á segunda, e alá vai a metade da enquisa. Por riba diríxense a un vostede que non se sabe quen é, imaxinando un perfil lingüístico uniforme para os dous proxenitores, como se non houbese familias nas que cada un deles fala de xeito habitual unha lingua diferente coa rapazada.

Hai ansia de imperio lingüístico e medo ao plurilingüismo, por iso nos propoñen que vistamos as linguas coma as camisetas dun equipo de fútbol, para que tomemos partido uniforme por estoutra ou por aqueloutra. As falantes, os falantes, temos que asumir a nosa responsabilidade. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

171| O multiculturalismo dana as mulleres?

Emisión DIARIO CULTURAL 23/02/2009

Unha das cuestións que está a interrogar seguido o noso presente é a do multiculturalismo, que en apariencia recoñece a pluralidade cultural mais, de feito, funciona como instrumento de marxinación “desoutras culturas”, e afecta de maneira singular ás mulleres.

Desculpen que non me ocupe das eleccións, a crise económica ou o resultado dos Oscars, mais hai unhas semaniñas tivo lugar en Barcelona un seminario que non deixou indiferente a ninguén xa desde o título, tirado dun traballo moi citado de Susan M. Okin: O multiculturalismo dana as mulleres? O caso da mutilación xenital feminina. Abriu a sesión un documental ben interesante de Pia Ranzato titulado Le tradizioni antiche non sono verità assolute (As tradicións antigas non son unha verdade absoluta). Nel explícanse as modalidades de mutilación xenital e recóllense as opinións de moitas mulleres africanas expostas durante o encontro de Bamako en 2005. O debate guiouno a filósofa Elena Laurenzi, a quen coñecen, se cadra, como especialista en María Zambrano, tamén desde as páxinas da revista Andaina. Abriu a súa intervención no seminario coa análise dun caso evidente de mala práctica multicultural, facendo fincapé nun feito: en Europa a mutilación xenital feminina só interesa cando acontece da porta para dentro e non cando acontece en Africa, aínda que afecte a tantas mulleres. Puxo como exemplo de política multicultural errada unha iniciativa que xurdiu en Florencia no ano 2003 cando o sistema público de sanidade aprobou unha fórmula “atenuada”, seica, de ablación, que contou co prace dalgúns homes en representación das comunidades implicadas. Ás mulleres, ás que sofren a mutilación, non se lles preguntou nadiña. Laurenzi debullaba unhas preguntas con outras que formularon Fina Birulés, Isabel Franc, Encarna Sanahuja, Marta Segarra ou Verena Stolke, entre outras. Insistiuse en que da circuncisión masculina á ablación feminina hai un bo cacho, tanto nas consecuencias físicas como simbólicas, por iso se defendeu a importancia de poñerlle o nome axeitado: mutilación xenital feminina. Denunciouse a medicalización do corpo das mulleres e alertouse contra visións moles que “toleran” a diversidade cultural e, daquela, denunciáronse esas prácticas multiculturais occidentais que, baixo unha tona de respecto, autorizan formas de maior marxinación para as mulleres “desoutras” comunidades enxertadas nas culturas occidentais.

Se teñen interese no tema no Centro de Documentación Alecrín de Vigo hai unha copia do documental de Pia Ranzato, e para ler sobre este caso recoméndolles os traballos de Elena Laurenzi, especialmente o que se inclúe no libro Violencia deliberada (2007), publicado por Icaria. E onda nós sempre están os traballos de María Xosé Agra. Boa semana e boas lecturas.


157| Kara Walker, coma quen escribe unha novela na parede

Emisión DIARIO CULTURAL 03/11/2008
Kara Walker retalla en negro, e ben negro, as súas revisións dos mitos da nación norteamericana volvendo ao século XIX. Cun pé na negra e brutal memoria da escravitude e mais da guerra civil norteamericana, e co outro pé nese xénero tan branco que é a novela romántica, a artista plástica emprega técnicas e enfoques aparentemente inocentes para recompoñer coas súas instalacións, feitas coma colaxes, unha mirada comprometida cun período fundamental da historia desa nación que seica ten como enxulla unha idea, a liberdade. Kara Walker reúne desde a máis naïf estética victoriana á caricatura contundente no negro sólido do recortábel. E faino desde a encrucillada identitaria que ocupa como muller, feminista e afroamericana. Os seus traballos máis coñecidos son esas figuras retalladas en papel negro con figuras, cousas e paisaxes que logo pega nunha galería coma quen escribe unha novela na parede. Precisamente o interese pola silueta, pola imaxe en negro, quere mostrar unha aposta decidida por situarse na historia negada, no contradiscurso da nación, a raza e o xénero nos Estados Unidos. O seu primeiro traballo feito coa técnica de recortábeis titulouno Foise co vento (Gone with the Wind), unha revisión das escravas e dos escravos negros amarrados nos tópicos estremos de parviños felices ou de ignorantes. En 2001 presentou Escenas de caza (Hunting Scene). Nel facía unha crítica sobre o concepto de civilización e barbarie desde o punto de vista da Modernidade. Verán. Dunha banda, nunha paisaxe africana, un home negro espeta nas varas os seus trofeos de caza: as cabezas das mulleres e homes brancos. Pola outra, sobre unha paisaxe americana, os civilizados homes brancos, cos seus rifles, celebran os seus trofeos, cabezas de escravas e escravos negros. Non son estas as súas únicas siluetas brutais e corrosivas. Un dos recortábeis da instalación Meu complemento, meu inimigo, meu opresor, meu amor (My Complement, my Enemy, my Oppresor, my Love) representa unha escena da violación practicada polo amo no tellado da casoupa da escrava. Outro, titulado Aproximación á emancipación (The Emancipation Approximation, 2000) fai referencia a dúas loitas que marcan o tránsito do XVIII ao XIX, a abolición da escravitude e mais a vindicación das mulleres (iso si, brancas e de clase media), así que case dous séculos despois, semella que Kara Walker repita coa súa arte aquela frase que fixo famosa a Sojouner Truth no XIX: “E logo, eu non son muller?”. En dasorixesdemarzo.wordpress.com póñolles os enlaces a páxina de Kara Walker en Art 21 e mais a unha videoentrevista na que se documenta o seu interese por outra técnica, a proxección animada de sombras, imitando os comezos do cinema.

Kara Walker relata o racismo na alborada da nación americana; a súa arte parte da historia, pero non é un relato do pasado, nin só dos Estados Unidos. Boa semana e boas lecturas.


152| O incontinente Steiner cos seus pasos de baile

Emisión DIARIO CULTURAL 22/09/2008

Pois o que eu non lles sabía é que o tal George Steiner era un afeccionado ao baile. Nas súas recentes desculpas amaga un paso para atrás cando pide perdón polo seu “comentario irreflexivo” pero dá un paso adiante porque afirma que está en contra do “chauvinismo rexional que ameaza agora a unidade de España” (El País, 19/09/2008). E, vaia ho, hai exactamente 75 anos que Galicia foi recoñecida como nación no IX Congreso das Minorías Nacionais de Europa. Nestas supostas desculpas o incontinente Steiner di que si pero non á cultura e á nación galegas, pero segue mutis sobre a outra afirmación tremenda feita naquela entrevista, cando suxire que o terrorismo de ETA viña dado polas características do euskera (tradúzolles): “Ese idioma tan misterioso é moi raro, moi poderoso. Se cadra por iso a algunha desa xente lle resulta tan imposíbel aceptar o mundo exterior” (El País Semanal, 24/08/2008). Ou sexa, que se en Euskadi só se falara español, asunto resolto?

Ai, o incontinente Steiner leva mal á práctica a súa “apaixonada” defensa das linguas e as culturas minoritarias. Mais para quen le cos lentes violeta, xa había tempo que dera mostra dun pensamento estreito asentado nas certezas discutíbeis, que poñen en evidencia que a súa idea do diverso é cativeira. Nun artigo de referencia publicado no volume un da Breve historia feminista de la literatura española, Myriam Díaz-Diocaretz pon o dedo na chaga (tradúzolles): “un crítico recoñecido e tan agudo como George Steiner suxire que os grandes artífices da cultura son esencialmente homes, e que a capacidade biolóxica de procrear é tan poderosa nas mulleres que fai comparativamente pálido dar a luz personaxes ficticios, segundo afirma no seu último ensaio Real Presences” (páxs. 77-78). Xa que logo as mulleres, diferenciadas e inferiorizadas pola súa capacidade reprodutora, estarían naturalmente incapacitadas para a abstracción e a ficción, agora ben, se esa certeza esencialista resultaba anacrónica no XIX, logo da revolución sexual dos 60, non lles digo nada! Pola súa banda, en Elogio de la dificultad, ao falar dos clásicos da literatura, afirmaba o incontinente Steiner (traduzo á brava): “Un clásico sobrevive a toda necesidade de deconstrucción, ao postestructuralismo, ao feminismo, ao posmodernismo e, coma os cans de raza, reméxese, funga e amosa un breve e demoníaco sorriso ao mesmo tempo que asegura: todo iso xa morreu, mais eu sigo vivo. Conta cun instinto de supervivencia”. Cadro con el en que un texto clásico é un supervivinte, agora ben o clásico éo precisamente porque ofrece argumentos para dialogar coa sucesión de presentes, porque se dispón á posibilidade da interpretación e non á certeza inmóbel.

Deixemos quedar ao incontinente Steiner cos seus pasos de baile no confortábel Cambridge e dediquémonos a debater feramente co noso presente. Boa semana e boas lecturas.