Arquivo da categoría: planificación lingüística

179| Un experto que traballa en Norteamérica…

Emisión DIARIO CULTURAL 20/04/2009

Como esta semana é a Diada de Sant Jordi ou, traducido, o Día do Libro, voulles contar tres historias: unha policíaca, unha satírica e mais outra de ficción xornalística. Son tres narracións entre a ficción e a realidade e as tres empezan igual. Un experto que traballa en Norteamérica…

… vinculado ás universidades da outra banda do Atlántico e entendido en asuntos culturais, viaxa a Europa, a un país situado nun dos recantos da Península Ibérica, para investigar un caso. Apareceu unha víctima. A morta é a lingua dese país ibérico. O experto bota a andar as súas investigacións para coñecer as razóns que provocaron esa morte violenta e levaron, logo, á desaparición do idioma. Só queda unha única testemuña viva dese crime. Trátase da última persoa que fala esa lingua, un escritor. O experto vido de Norteamérica comproba que está a sufrir acoso inmobiliario. O propietario do resto do edificio quéreo botar do seu propio piso e faille a vida imposible para que lisque de alí. O escritor, a última persoa que fala esa lingua, renuncia ás comodidades e aos diñeiros que lle daría mudar de casa e deixar de escribir no seu idioma. Terá sentido ese sacrificio?

Un experto que traballa en Norteamérica… nesa grande metrópole que é Nova York, vai e cadra nun acto oficial cun alto cargo dese país situado nun dos recantos da Península Ibérica, que seica anda por Manhattan co obxectivo de promover as virtudes e marabillas da capital do seu país. A delegación vai e métese nun lío mais o experto norteamericano consegue zafar o asunto. En agradecemento o alto cargo convénceo para que veña pasar unha tempadiña canda el, e non pode evitar verse metido nun entramado escuro con fondo de corrupción.

Un experto que traballa en Norteamérica… entendido en asuntos culturais, viaxa a Europa e volve ao seu país, situado nun dos recantos da Península Ibérica, para conmemorar os trinta anos da independencia. O experto entrevístase con persoas reais e coñecidos da política, a historia, a industria, a cultura, o xornalismo, e con todo ese material escribe unha crónica que lle permite tomar conciencia de como se construíu aquela comunidade, das posibilidades da súa economía, da singularidade da súa cultura, da puxanza da súa lingua e sente que está a compartir a ledicia da independencia.

Non, non se trata de tres parábolas de política galega. Sonlles as sinopses de tres das novelas catalás máis promocionadas neste Sant Jordi, ficcións cun pé na realidade para pensar en tempo presente Cataluña: L’últim home que parlava català de Carles Casajuana, Amb ulls americans de Carme Riera e Crònica de la independència de Patrícia Gabancho. Como cren vostedes que rematan as tres novelas? E que final cren que lles poría o experto vido de Norteamérica para lidar cos asuntos de Cultura e o Turismo galegos do novo Goberno, Roberto Varela? Boa semana e boas lecturas.


133| Nin as mulleres nin a lingua galega son o problema

Emisión DIARIO CULTURAL 12/05/2008

Vaia unha se montou na rede coa restra de artigos sobre sexismo na lingua publicados en Vieiros nas últimas semanas. O caso é que Olga Castro, profesional da tradución, activista recoñecida a prol da igualdade e, o que é máis interesante para o caso, investigadora especializada na cuestión da linguaxe e o sexismo, asumiu o reto de abrir debate público. Meteuse no papel de Pandora e púxose a argumentar un deses temas que se foron incorporando ao politicamente correcto abrindo, iso si, acedos debates. Porque un dos temas abertos na opinión pública de hoxe radica nos cambios que producen as políticas de igualdade promovidas por un influínte feminismo institucional que apostou por tirar a cuestión das mulleres do gueto do asistencial para convertelo en cuestión trasversal. Rescatouno do privado para convertelo en asunto público.

Olga Castro, nos seus tres longos artigos titulados “O sexismo na lingua”, explica a importancia da linguaxe, sinala as diversas posicións sobre a cuestión, exemplifica a desigualdade, debulla as posíbeis estratexias para resolver esas prácticas e remata poñendo o dedo na encrucillada: na necesidade de que a planificación lingüística desenvolvida en Galicia incorpore entre os seus obxectivos a superación do sexismo. Por iso a súa derradeira entrega remata así: “a planificación lingüística pode ir perfectamente acompañada da planificación de xénero. Na encrucillada xénero e nación, eu escollo AS DÚAS!” (Vieiros, 09/05/2008). Non é a primeira vez que se establece onda nós un paralelismo entre a discriminación do idioma galego e a discriminación das mulleres (penso nos ensaios fundacionais do feminismo galego de María Xosé Queizán, por exemplo). A diferenza é que agora contamos coa posibilidade de desenvolver políticas correctoras desde as institucións a través de gabinetes especializados.

A socióloga Soledad Murillo, que foi unha das feministas de maior peso no anterior goberno do Estado español e unha das que contribuíu á feminización da axenda política, defendía nas súas intervencións públicas: “as mulleres non son o problema, sofren os problemas xerados pola sociedade”. Pois ben, aplicando o conto, as mulleres son as que sofren os problemas xerados por unha linguaxe sexista que, se ben é froito dunha tradición, tamén é certo que é un produto social que se pode e que se debe transformar. A resistencia a eses cambios radica nos límites. De maneira interesada confúndese visibilidade con igualdade, e parece que por usar dous femininos protocolarios ou por ter a rotulación dun local en galego as desigualdades estean superadas. Nin as mulleres nin a lingua galega son o problema, sofren os problemas dunha sociedade que non é quen de recoñecerse no espello.

En fin, ventureiras Letras Galegas con aquelas lecturas que máis lles presten.