Arquivo da categoría: premios literarios

153| Literatura dixital, un couto mixto

Emisión DIARIO CULTURAL 26/09/2008

Ao ritmo que imos a parroquia das letras podía facer seu o lema “un mes, unha causa”. Primeiro o incontinente Steiner e agora a interesante polémica sobre os premios literarios en tempos da escrita dixital. E iso háillelo que agradecer a Xabier Lama e a Eduardo Estévez. Concordo en que o fallo dun certame é inapelábel, en que existe o dereito a recorrer en caso de incumprimento das bases e en que cabe a solución de deixar o premio deserto. Mais o cerne da discusión radica nas interferencias entre o soporte virtual e a literatura tal como a pautamos en papel. No blogomillo hai informes que resolven qué é agora unha obra édita, así que o blog tomado como caderno público, como proceso de escrita, non é un libro, pero tampouco é equiparábel a un recital: verba volant, scripta manent. A escrita dixital é diferente ao texto impreso e ao texto dito, é dicir, os extremos do édito e o inédito. Estamos nun couto mixto que desestabiliza as convencións literarias, a lectura e a escrita, e que vai a máis. Na literatura dixital a interdisciplinariedade e o dialoxismo son moito máis poderosos, e a quen le interésalle tanto ou máis o proceso de escrita como o texto definitivo. Tamén a autoría se viu afectada, entre outras razóns porque o blog non é libro pero é un soporte físico dispoñíbel que pode deixar, se se quere, constancia de quen o escribiu. Xa que logo, varias cuestións.

A primeira. Para presentarse a premios como o González Garcés, os cadernos virtuais de escrita deberán ser anónimos ou asinarse cun avatar que non cadre co alias empregado no certame?

Segunda. Cales son as posibilidades editoriais que teñen os libros virtuais éditos? Elixir pdf, por exemplo, significa renunciar ao papel? Ou, coma nas plaquettes, primeiro saen en edición alternativa e logo se xuntan con outros textos nun novo libro? Poñamos por caso, o poemario dixital de Estíbaliz Espinosa, zoommm. textos biónicos, hai editorial convencional para el?

Terceira. En tempos de longa espera do libro electrónico, cal é o soporte apto para á venda máis axeitado para esta literatura interactiva, a cabalo do escrito e das posibilidades do virtual, co son, a imaxe, o vídeo? De novo, hai editorial convencional para esta fórmula mixta?

Cuarta. Participan estas obras virtuais nos clubes de lectura, nos premios anuais, nas aulas e nos manuais?

Estas son algunhas preguntas que nos vimos facendo nos últimos tempos mentres imos indo co tirapuxa dos marcos, de pautar as convencións literarias. Imos incorporando a literatura dixital á crítica literaria, pero falta na academia e nos ritos do parnaso. Para abrir rodeira cómpren premios para esa escrita de hoxe que ten como soporte o corpo (a oralidade, a performance) ou o soporte virtual (desde o blog até o vídeo). Cómpren fórmulas para recoñecer, por exemplo, as performances de Antón Lopo ou o Berlín de María Lado con Fanny+Alexander. Premios nos que a anonimia non importe. Boa semana e boas lecturas.


151| Rosalía por Rubem Fonseca

Emisión DIARIO CULTURAL 15/09/2008

Estoutro día a miña colega Elena Losada, sempre á procura de novas pezas para as miñas coleccións literarias, veu cun artigo de Rubem Fonseca titulado “Rosalía de Castro” que publicou no seu volume de crónicas O romance morreu , de 2007. Sorprendía que o mestre brasileiro do noxo extremo, a violencia e a quebra dos tabús, sempre interesado no entrefusco do correcto, sempre a nos incomodar no asento, sempre a facernos rir a fartar, se interesase por unha escritora que se sitúa noutro continente estético. Mais Fonseca recibiu en 2004 o Premio Rosalía de Castro do PEN galego canda Carme Riera e Ramon Saizarbitoria, e deste xeito quedou convidado a partillar a cultura galega. Hai algúns anos oín críticas sobre a inconveniencia destes premios concedidos a escritoras e escritores que teñen unha relación epitelial con Galicia. Coido, porén, que temos moita faltiña de entidade nos asuntos exteriores, para recoñecérmonos no espello estranxeiro e vernos con distancia, para acreditarmos na nosa existencia, e tamén para que nos vexan, nos distingan e nos lean. Na devandita crónica, de novo Rosalía funciona como chave para coñecer a nación. Alí Fonseca ofrece un percorrido histórico pola historia e a cultura galegas cos lentes postos da cultura portuguesa, fai un alegato a prol do dereito dos pobos a alimentar a súa diferenza cultural no mercado global e, por fin, nos derradeiros parágrafos remata gabando a figura de Rosalía de Castro, Otero Pedrayo mediante. A crónica remata en sentencia. Di: “O tempo consagrou Rosalía de Castro como uma lenda, un mito, como un importante nome, não apenas da literatura ibérica como da literatura universal” (p. 96). Se non teñen vagar ou ocasión para ler enteiriño este libro de Rubem Fonseca que, sempre dá nunha oportunidade para gozar coa súa escrita da provocación e a sorpresa, poden procurar esta crónica rosaliana en internet, en Portal Literal. Se prefiren ir directos á peza da colección, póñolles o enlace directo no blog deste comentario de opinión, dasorixesdemarzo.wordpress.com.

O romance morreu, de título paródico para quen pasa por ser tan relevante autor de novela negra, ábrese cunha reflexión do novelista preocupado co devir do seu oficio como escritor na actual coxuntura lectora. Di:

Uma coisa talvez esteja acontecendo: a literatura de ficção não acabou, o que está acabando é o leitor. Poderá vir a ocorrer este paradoxo, o leitor acaba mas não o escritor? Ou seja, a literatura de ficção e a poesia continuam existindo, mesmo que os escritores escrevam apenas para meia dúzia de gatos pingados? […] Kafka escrevia para um único leitor: ele mesmo. (pp. 9-10).

A narrativa de Fonseca incomódanos sempre no noso asento. A poesía de Rosalía de Castro, tamén. Boas semana e boas lecturas.


150| Inexactitudes

Emisión DIARIO CULTURAL 08/09/2008

Moito levan mallado nos últimos meses na coitada da lingua no medio dunha incomprensible ausencia de pacto político que a salvagarde destas guerras diarias. Mentres, os libros axudan a facer memoria.

Abrindo o verán publicábase A represión lingüística en Galiza no século XX de María Pilar Freitas, un título excesivo xa que parece prometer documentación e datos inéditos sobre a represión lingüística. Como o tempo é pouco aforro a laudatio, que tamén ten cousas interesantes este traballo ambicioso, e imos á crítica. A principal pexa do libro radica na multiplicidade de ámbitos: lingua, cultura, política e moita literatura. Manéxase un volume inxente de datos sen o necesario contraste de fontes inéditas e estudos actualizados, o que dá pé a unha investigación sen matizar, chea de conclusións apresuradas. Precisamente a polémica aberta polas declaracións incontinentes de George Steiner vénnos lembrar que non se poden mesturar ao chou lingua con identidades, historia da literatura co devir do idioma, nin conciencia lingüística de tal escritora ou escritor coa situación social da lingua. Vaia, que allos e cebolas combinan en moitas receitas, pero ser, non son o mesmo.

Un dos aspectos máis discutíbeis do libro ten que ver coa periodización. Como demostran os estudos migratorios xa non se poden limitar as aportacións da Galicia exterior ao período 1936-1960, esquecendo, por exemplo, que Follas novas se publicou na Habana e que o Premio Galicia de narrativa de 1970 o convocaron os galegos de Bos Aires. Precisamente este episodio debúllase con pouca exactitude no apartado referido á censura no franquismo. Na páxina 408 refirese ao caso Xente ao lonxe de Blanco-Amor como exemplo de censura e, se cadra a xeito de erudición, afírmase que sufriu ademais o embate da Academia Galega, que non lle deu o Premio Galicia (e cito literalmente) “ao non considerala unha obra aceptable para o lector”. As interioridades dos premios non son cousa doada de coñecer pero non se pode a estas alturas tratar un capítulo tan relevante sen contrastar bibliografía e pescudar como se formou aquel xurado porque, daquela, incórrese nas mesmas infamias coas que encheu a boca Blanco-Amor, un narrador extraordinario e misóxino que non aturou que aquel galardón ben dotado fose para Xohana Torres.

O libro de Freitas, lido desde a historia das mulleres e do xénero, incorre noutras inexactitudes: na páxina 226 confunde a santificación do idioma coa santificación de Rosalía; na 484 dá a entender que Victoria Kent apoiou todo o tempo o dereito ao sufraxio feminino, obviando a súa polémica con Clara Campoamor; ou engánase cando afirma que é Unamuno quen converte a Galicia nunha nación femia cando en realidade xa aparecía en Murguía. Freitas recompila moitos datos pero o libro quere unha lectura precavida. Boa semana e boas lecturas.


129| Xoguete

Emisión DIARIO CULTURAL 14/04/2008

Algo debe ter o abril que lle altera a bioquímica aos xornais galegos. Para min que se estresan cando botan contas do concentrado cultural que lles espera até finais de maio. Cantiños premios, conferencias e presentacións de libros apuntados na axenda e tan pouca xente para os atender! Se cadra lembran que o ano pasado La Voz de Galicia, logo do domingo de resurrección, anunciou que a poeta María Mariño ía presentar o seu último libro, cando a coitada estaba máis para un traslado ao osario que para o negro sobre branco. O xornal conseguíu o imposíbel: ter no 2007 un día das letras vivas. Pois ben, hai nove días, El Correo Gallego.es daba a nova dos Premios Nacionais da Crítica. Logo de salientar que o acadaran Helena de Carlos e Luís Rei Núñez, engaden que “a escala estatal […] os gañadores foron…”, e citábase a Chantal Maillard e Rafael Chirbes, dous escritores en español. Das literaturas vasca e catalá, nin a máis mínima información. E eu, mentres, perdida intentado recompoñer conceptos porque, segundo esa nova, estatal quere dicir ‘en español’, nacional significa ‘en galego’ e aos países que falan vasco e catalán debeulles conceder a independencia, porque nin se mentaban na información do premio. Nunha semana que levaba sen ler a prensa galega non pensaba eu que El Correo Gallego.es mudase tanto. En fin, se un medio de longa traxectoria o di…

Pero non morreu aí o conto. O ABC e La Región o día 5, e El Correo Gallego, ADN, Galicia Hoxe e La Opinión o día 6, co gallo da mesma nova, fixeron unha contribución inesperada á crítica galega porque, para explicar a xustificación do premio, seica reproducían comentarios “da representante do xurado María Jesús Noveira”. María Jesús Noveira? Logo dun demorado reconto, decateime. Ese avatar inesperado alóxase no mesmo corpo que María Xesús Nogueira, a mesmiña que lles fala os martes de libros, só que lle xibarizaron o apelido e lle traduciron o nome.

O asunto non pasaba de xoguete intrascendente para comentario chocalleiro se non fora porque denota problemas de maior profundidade. Falaba esta semana na Universidade de Barcelona Xurxo Borrazás sobre a literatura na prensa galega. Dicía que se aposta pola publicación masiva de libros galegos en coleccións cando serven para vender xornais, pero a diario as novas de cultura afogan entre os sucesos e as necrolóxicas. Porque nas cabeceiras de toda a vida mantense un desinterese endémico por esa sección, feita a base de novas de axencia, e moita cultura galega silenciada.

Unha das oíntes máis novas do Diario Cultural é a Alba, de Ourense. Os luns cádralle no coche, camiño da clase de pintura. Estoutro día pedíame que falara máis clariño, para ver se me endendía mellor. Pois hoxe vai ser doado. Mira, Alba, o que ocorre é que os xornais copian demasiado as informacións das axencias e faltan profesionais que atendan con coñecemento de causa as novas de cultura.

Boa semana coa cultura galega e boas lecturas.