En que pensas, Penélope?

A miseria e a crise sempre lle abren porta á emigración. A historia repítese: familia fendida, home que marcha, Penélope á espera, home que resolve non volver, crea outra familia e esquece a muller que garda a casa, coida dos vellos e cría os nenos. Viúvas de vivos con outras roupas e outras faccións, noutro tempo. Rosalía de Castro escribiu a soidade das galegas como inxustiza e de seguida se converteu nun fundamento da nación, nunha narración do noso, aínda que sempre foi, e aínda é, unha experiencia compartida

Ler o artigo completo en Praza Pública (16/04/2012)


4\ A María Luz Morales, de Blanco-Amor

Volvamos ao Fondo María Luz Morales do Ateneu Barcelonès. Boa parte das cartas conservadas son notas gabanciosas á procura dunha nota crítica favorable ou ben un sinal de recoñecemento, por iso se conservan libros autógrafos e notas de Ricard Salvat, Corredor Matheos ou Díaz-Plaja.

dom3

<\ Autógrafo do libro de Blanco Amor, Romances galegos (Buenos Aires: Céltiga, 1928) dedicado a Ángel Sojo, director do xornal bonaerense La Razón, con data 15/09/1928

Xavier Costa Clavell, por exemplo, dedícalle un poemario en castelán, El hombre y la muerte (1966) que, segundo a cuberta, se publicou na Editorial Cordillera de San Juan de Porto Rico aínda que o depósito legal é de Barcelona. Porén, desde a perspectiva galega o máis interesante dese fondo son as evidencias dunha amizade cordial co escritor Eduardo Blanco-Amor. Coñecéronse antes da guerra grazas ao estreito contacto de Morales co Partido Galeguista e o círculo nacionalista de Ourense, como se pode comprobar na ficha do Album de Mulleres do Consello da Cultura de Galega preparada por Carme Vidal, que debe ser, xunto con González Gómez, quen máis sabe das conexións galegas da escritora. No Ateneu Barcelonès consérvanse dous libros autógrafos de Blanco-Amor e mais unha carta (reprodúcese íntegro o orixinal):

1-III-1968
A Mari Luz Morales, en su gripe
Mi buena amiga: ¡Qué vergüenza, haberte dejado atrapar por la gripe! Yo estoy ya con los preparativos de marcha. Creo que será a fin de semana. Quisiera despedirme de ti y que hablásemos algo más de cosas catalanas. Mi hermana está ya bien, de manera que mis cuatro meses de Barcelona quedarán resumidos en lo que pueda hacer estos días. La verdad es que estuve muy asustado y preocupado por esta pobre criatura, que ya es lo único que me va quedando.
Te mando estas FARSAS para que te ayuden a rehacer la sonrisa. Ahora estoy en el Hotel Alicante, y el teléfono es 221-47-44. Estoy de mañana hasta las 10 ½ y de tarde desde las 4 ½ hasta las 8. Que te mejores y un abrazo de tu paisano y amigo
Eduardo

En 1968 Blanco-Amor está en Barcelona, publica algúns artigos en La Vanguardia e debeu ter varias ocasións para encontrarse coa amiga escritora. Esa complicidade xa se puxera en evidencia nos libros dedicados e, como se adiantou, no Ateneu Barcelonès consérvanse dous libros autógrafos seus: Cancionero (1956), que na actualidade está fóra de acceso, e mais a terceira edición de Chile a la vista (1957), que leva unha dedicatoria intensa. Este é o texto orixinal íntegro:

A María Luz Morales, mi “madrina” barcelonesa, con el viejo afecto de su paisano (porque no voy a consentir que nos la roben del todo los catalanes!), amigo y admirador
E. Blanco Amor
Barcelona, 8-Setiembre-1958

Morales e Blanco-Amor compartían o interese polo teatro, polos poetas do 27, mantiveron relación persoal ata o final da súa vida e mesmo partillaron mesa de debate sobre o teatro galego na Galería Sargadelos de Barcelona en 1975, no día do libro. Morales deixou escrita unha crónica daquel día [1].

[1] Vidal Lage, Carme. “María Luz Morales. Unha das primeiras mulleres que dirixe un medio de comunicación”. Álbum de mulleres. Culturagalega.org. Compostela: Consello da Cultura Galega, s/d. [ed. dixital] http://www.culturagalega.org/album
[2] Morales, María Luz. “¿Hacia un teatro gallego?”. Diario de Barcelona (23/04/1975): p. 26. In Costa, Xosé María e Carlos Posada [Xesús González Gómez]. Presenzas de Castelao en Barcelona. Dous momentos artístico-literarios. A Coruña: eDixital, 2005. http://www.bvg.udc.es/


3\ María Luz Morales naquel país misóxino

No Fondo María Luz Morales do Ateneu Barcelonès atópanse notiñas e cartas inéditas que acompañaban libros dedicados á escritora. Entre elas hai dúas, unha de Concha de Marco e outra de Pere Quart, nas que, para gabar a excepcionalidade da amiga Morales, fan referencia á misoxinia establecida, mais de distinto xeito.

dom2

<\ María Luz Morales. La Moda, 3 vols. Barcelona: Salvat, 1947.

 

O 12 de decembro de 1972 unha escritora pouco coñecida, Concha de Marco, envíalle unha carta á daquela colaboradora no Diario de Barcelona, gabándolle a columna, o seu labor como adaptadora de literatura infantil e os dous libros polos que recibiu máis recoñecemento, La moda e El cine. Afirma Concha de Marco:

[…] Leo sus artículos en el Diario de Barcelona, amenísimos y acertados siempre (precisamente ayer leí el dedicado a Heine) pues mi marido, Gaya Nuño, es colaborador también. Tengo completa su Historia de la moda, me refiero a los tomos del siglo XX, como prolongación de la obra de Von Boehm y El cine. He leído muchas cosas de V., artículos y cuentos sobre todo. Amiga mía: es usted de las pioneras de antes de la guerra, esforzada escritora de toda la vida y de amplísima gama. La admiro de veras, no es para menos, en este país de enconada misoginia. El cine es obra preciosa, debiera V. continuarla, o acaso lo ha hecho ya y no me he enterado. […]

En 1972 María Luz Morales tiña setenta e catro anos, estaba retirada da vida pública mais seguía colaborando nos xornais. Só quen gardaban memoria longa, como Concha de Marco, sabían que fora unha das pioneiras da crítica cinematográfica en España e partillara tarima con catedráticos e o seu amigo Díaz-Plaja no primeiro curso sobre cinema que se deu na universidade catalá, nos anos trinta, Una cultura de cine. Introducción a la estética del film. Iso foi posible antes de que a bota de Franco e os catecismos da Sección Femenina pecharan as mulleres no fogar e na igrexa, aínda que na Barcelona da ditadura se mantivo un círculo de mulleres intelectuais arredor da revista Garbo. A traxectoria singular de María Luz Morales naquel país misóxino xa lle fora recoñecido antes da guerra. Noutra das cartas conservadas no Ateneu Barcelonès, con data do 27 de xullo de 1937, o escritor catalán Pere Quart, que daquela era director das publicacións da Generalitat de Catalunya, agradécelle a versión duns poemas seus ao español. Non era primeira vez que a intensa tradutora Morales o facía. Nos anos vinte e trinta traducira relatos de Caterina Albert para o xornal El Sol de Madrid e mais un libro de Xavier Benguerel [1]. Na súa carta Pere Quart tamén salienta, de maneira encomiástica, a excepcionalidade de María Luz Morales fronte á consideración xeral da muller en tempos da República (reprodúcese íntegra):

Comissió de les Lletres Catalanes de la Generalitat de Catalunya
Rambla de Catalunya, 41 Pral.
Telèfon 20303

Amiga i companya: la vostra carta m’ha plagut molt. M’ha afalagat. Gràcies. La vostra traducció em sembla molt enginyosa i llevat de dues estrofes, altrament intraduïbles (més amb el peu forçat de l’íu) perfecta, fidelísima.
Ja sabia que ereu una dona intel·ligent i culta; ara he descobert, a més, la vostra exquisida finor, la vostra elegant amabilitat.  I perdoneu-me aquesta expansió. Però, ja sabeu que al nostre país les dones solen ésser medalls d’una sola cara.
Que mai els deus no ens mirin amb rancúnia, sinó amb esguard amorós i benèvol!
Vostre
Pere Quart

27 Juliol 1937

Sen comentarios. No Ateneu Barcelonès gárdanse tamén algunhas notas de Eduardo Blanco-Amor á súa madriña María Luz Morales, mais iso queda para un vindeiro post.

[1] De Benguerel traduciu: Suburbio. Barcelona: Apolo, 1938.


2\ Formigón e sexismo lingüístico

Non che hai nada como morrer antes de tempo e deixar un ronsel de dúbidas. Alimentar o morbo e o mito, é cousa nosa, que por moito que impostemos aquilo de que non queremos unha cultura funeraria nin un día das letras mortas logo vai e resulta que niso somos coma os máis, que un cadáver morno e confuso aguilloa o interese, desde as enfermidades imprevistas ás solucións suicidas. Os seus corpos e os seus corpus lémolos como quen mira o CSI ou Bones: entramos no anatómico forense, recompoñemos as circunstancias da morte, os treitos de vida que nos conmoven, aquela parte da súa obra creativa que seica agoiraba o desenlace…

O difícil é deixar pegada cando a morte chega, digamos, case cando toca, e legar un corpo e un corpus que pode interesar na parroquia e pouco máis. Por esa razón me sorprendeu unha esquela recente, a dun investigador do CSIC que era doutor enxeñeiro en camiños, canais e portos e lingüista, unha combinación pouco habitual, sobre todo porque, segundo consta na esquela o tal investigador tivo importantes recoñecementos pola súa investigación no campo do Formigón Estrutural, escrito con maiúsculas. A necrolóxica é por defecto xénero encomiástico mais este non é un deses casos nos que a familia, levada polo amor e un respetiño, non fía ben o asunto, non. Aí os están os seus traballos sobre o formigón e fundamentos de construcción de calidade canda outros sobre os nomes comúns e abstractos e, atención, sobre o sexismo na linguaxe. A necrolóxica da familia publicada nun xornal estatal dicía así (abrevio e traduzo):

Ilustrísimo señor Don Álvaro García Meseguer Doutor Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos e Profesor de Investigación do CSIC. Encomenda con placa da Orde de Afonso X o Sabio. Medalla de ACHE por méritos á investigación no campo do Formigón Estrutural. […] Investigador en Lingüística, pioneiro no tratamento do Sexismo Lingüístico.

dom4

<\ Álvaro García Meseguer, ¿Es sexista la lengua española? Madrid: Paidós, 1994

 

Xa que logo, benqueridas Olga, Iolanda, Saleta e Kristal, ben o vedes, haber hai lingüistas que se atreven co sexismo na linguaxe e familias que teñen a gala honrar con ese mérito ao seu finadiño. Claro que Meseguer e mais a súa muller, Pilar Yzaguirre, foron os primeiriños en traer a Betty Friedan a España. De feito Pilar Yzaguirre, vinculada ao mundo do teatro e do feminismo, fíxose cargo en plena transición dunha subdirección xeral do goberno español con nome revirado mesmo para aqueles tempos, a da Condición Feminina, que naquela altura dependía do ministro de cultura, Pío Cabanillas o vello. Disimulade que non valore as investigacións de García Meseguer, nin sobre formigón nin sobre sexismo, que unha non deixa de ser de literatura…, mais o enxeñeiro-lingüista, que sabía de estrutras e fundamentos, deixou escrito (traduzo):

A linguaxe é machista porque a sociedade foi así, e a sociedade seguirá sendo machista mentres o sexa a linguaxe.