Arquivo por etiquetas: Ana Romaní

Como chegou a poesía galega ao “Caravansari”?

Dores Tembrás debulladiña por Antía Marante, Manuel Rivas, Oriana Méndez segundo Arturo Casas, Ana Romaní lida por Silvia Bermúdez e Lois Pereiro traducido por Daniel Salgado e lido por Alberte Valverde… A creación e a crítica recentes reúnese no número 4 de “Caravansari”, unha revista, fermosa e feitiña, que xorde con vocación de tránsito e encontro

Ler o artigo completo en Praza Pública (06/05/2012)


… e seguimos: os martes, no blog

foto rbravo|rbravo| Perito Moreno, 11/2007 … se o problema son os “motivos económicos“, a cousa ten amaño, ho!, que xa coñecemos xeos máis irtos, e tamén máis fermosos.  Este meu laboratorio aberto de crítica da cultura desde o feminismo, que navegou polo Diario Cultural da Radio Galega os luns desde setembro de 2005 a xuño de 2009 grazas a Ana Romaní e o seu equipo de xornalistas, segue no blog Das orixes de marzo todos os martes. Porque non imos quedar caladiñas, non si, Débora?


125| Esta son eu agora e vexo o mundo

Emisión DIARIO CULTURAL 17/03/2008

Preguntábame unha estudante de dereito se podía explicar a función social da poeta hoxe en relación ao movemento feminista. A pregunta semella obvia pero tiña o seu aquel porque xurdía nunha polémica inevitábel: a aparente contradición entre movemento e pensamento feminista. Máis que pregunta era un desafío e a resposta pedía seis cabazos de sedución. Podería ter contestado á galega por María do Cebreiro, “as poetas escribimos para non ter explicarnos”, pero por máis acertada que sexa, non sei se era abondo para a convencer. Cumpría pensar noutros termos e optei pola poesía asertiva e política que practicaron moitas escritoras levando á práctica aquilo que escribiu Chus Pato: “máis que un poema / libération pour femme”. Daquela empecei a debullar versos que funcionan como lemas do movemento feminista galego e catalán. Estar están escritos no papel pero poderían encher unha pancarta. “Eu tamén navegar”, de Xohana Torres; “non son perfume, son carne perfumada”, de María Xosé Queizán; “por min mesma, señores, por min mesma”, de Ana Romaní; ou, a repetida “Divisa” de Maria-Mercè Marçal: “a l’atzar agraeixo tres dons: haver nascut dona, / de classe baixa i nació oprimida. // I el tèrbor atzur de ser tres voltes rebel” (tradúzolles: “ao azar agradezo tres dons: nacer muller, / de clase baixa e nación oprimida. // E o turbio azur de ser tres veces rebelde”).

Pero ademais está toda aquela poesía que, falando desde a experiencia propia, nos ilumina, e ilumina o mundo. Así o puidemos comprobar a semana pasada na intervención de Luz Pozo Garza na Universidade de Barcelona. Ofrecía un percorrido pola súa vida-poesía, acompañada por Olivia Rodríguez. De mestre de cerimonias actuaba Basilio Losada, amigo persoal seu, que falou dun dos seus libros que tamén a min máis me prestan, Prometo a flor de loto. A seguir a autora empezou a falar e falar, e converteu o acto nun salonciño privado onde lía nos versos como quen partilla nunha tertulia. O público sucumbiu ao engado das confidencias e a esa capacidade que ten Luz Pozo para resolver a fenda entre o privado e o público, entre o eu e o mundo, entre a experiencia e a escrita. Por esta razón a intervención titulouse “Esta son eu agora e vexo o mundo”, un verso extraído de As arpas de Iwerddon, que nos sitúa no reconto dos anos de quen fusionou vida e poesía, pero tamén nos pode levar a pensar en calquera muller xa entrada en idade que bota ao lombo a saqueta de experiencia logo de medir o mundo con pasos propios.

Non sei se con esta procesión de versos aquela estudante entendeu que non hai abismo entre escrita e acción sociopolítica. Teño abondo con que saiba en carne propia que a poesía move e conmove porque verbaliza o noso estar: “Esta son eu agora e vexo o mundo”. Boa semana e boas lecturas.


Das orixes de marzo. Intencións

“Das orixes de marzo” é o blog dos comentarios de opinión de Helena González. Emítense os luns no Diario Cultural, dirixido por Ana Romaní. Pódese escoitar o comentario semanal, e o resto do programa, na web da Radio Galega.