Arquivo por etiquetas: Baltasar Porcel

155| O incontinente Baltasar Porcel e o galego

Emisión DIARIO CULTURAL 20/10/2008

A semana pasada estaba ler en La Vanguardia o obituario de Ramiro Fonte asinado por Anxo Lugilde, e nestas batín coa columna de Baltasar Porcel, o candidado catalán ao Nobel que escribe como deus ex machina. Publicaba unha zaragallada mal cociñada sobre razas, idiomas e nación a propósito do 12 de outubro, e defendía que o único que temos en común é a lingua. A seguir debullaba algunhas contradicións coas que parcialmente concordo, como o papel da bilingüe industria editorial catalá no boom da literatura hispanoamericana ou a incomprensíbel invisibilidade da literatura portuguesa nas culturas española e catalá. Ao remate recuncaba no seu vello prexuízo da inferioridade da cultura galega ao optar a normativa oficial por unha grafía que a el non lle presta, estendendo a sombra do franquismo, e levado, sen dúbida, por un medo moi catalán, o blaverismo, que é, xa saben, a negación por parte do valencianismo pro-españolista dunha cultura común aos Países Cataláns. Tradúzolles, á brava, o treito final da columna de Porcel:

“E o catalán tampouco le portugués. Aínda que Portugal tamén canea con Brasil, enfatizan as súas particularidades idiomáticas. Como pasa con Galicia, coa súa grafía española contra a portuguesa. Somos razas con cara de can.

Aínda que os galegos tampouco entran en España se non escriben en castelán. Cunqueiro só se leu neste idioma, no que resultaba enxesado. Como Rosalía, tópica en castelán e no seu marxinado galego prodixio lírico superior a calquera peninsular moderno. ¿Franco escribía en galego? O seu atiplado ton tiña unha delicadeza…” (“Fiesta, razas, idiomas y nación”, La Vanguardia, 12/10/2008: 25)

Fin da cita. Á marxe da zaragallada de alusións para o recheo final da columna, as resistencias á tradución e a broma mal resolta sobre Franco, interesa un feito: as dificultades que temos para explicar Galicia nesta banda fóra do molde que converte en casos cuspidiños as relacións entre Galicia e Portugal e mais as de Valencia e Cataluña. Custa moito explicar que tamén quen non escriben con nh seguen con atención a cultura portuguesa e poden ler sen traducir a Fernando Pessoa e Clarice Lispector. Daquela poñen cara de “non imos discutir o evidente” e batemos co de sempre: de Galicia sábese pouco e tópico.

Non é a primeira vez que Baltasar Porcel, encantado de ser o escritor rabudo, escribe con pluma de lume sobre o galego. Hai algúns anos dixo del que nin idioma era porque, total, entendíase todiño. Nada novo desde o seu limiar prescindible a El Cadiceño de Rosalía de Castro para unha editorial da Coruña que, por certo, non publica en galego, nin con ñ nin con nh. O mellor é meter o incontinente Porcel na mesma saqueta de Steiner e dedicarse a sachar noutros embaixadores, por exemplo, neses escritores cataláns que veñen de traducirse ao galego e teñen columna no mesmo xornal. Boa semana e boas lecturas.