Arquivo por etiquetas: Concepción Arenal

158| Rebeldes agora non tan periféricas

Emisión DIARIO CULTURAL 10/11/2008

Poñamos que a loita polas liberdades se puidera resumir en 350 nomes de mulleres rebeldes e afoutas. Pois ben, ese é o total de nomes propios que inzan unha guía ilustrada da historia do feminismo publicada hai pouco por Ana Muiña: Rebeldes periféricas del siglo XIX.

O libro publícao unha editorial pequerrechiña chamada La Linterna Sorda, que coida atentamente todo o que fai, desde os libros á web corporativa. Nel ofrécese un percorrido histórico interesante cheo de datos e textos que abrangue deica comezos do s. XX, porque xa se sabe que os procesos non atenden ás fronteiras dos números. E alí as están, desde Concepción Arenal á librepensadora masona Amalia Domingo Soler, as dúas preocupadas polas condicións da muller traballadora e o pauperismo; ou desde a lituana Emma Goldman á ferrolá Amalia Fraguela, dúas libertarias de diferente condición. O texto, que se maquetou ao xeito dunha enciclopedia hipertextual, concede moita importancia á información suplementaria, por iso as marxes se inzan de retratos desas mulleres a contracorrente do seu tempo, dos seus libros e panfletos, e mesmo de retallos sorprendentes de publicacións da época que nos descobren aspectos pouco divulgados da vida cotiá desas mulleres. Entre as curiosidades que nos tocan en eido propio, unha fotografía de finais do XIX de mulleres lavandeiras en Sarria, que, como adoita acontecer en boa parte da bibliografía española, se transcribe erradamente como Sarriá, por influencia do topónimo barcelonés (p. 110). E se entran na web da editorial, La Linterna Sorda, poderán ver outra peza para a historia da fotografía: un daqueles retratos con caras embutidas en paisaxes de cartón, neste caso, cunha torre de Hércules ao fondo. Rebeldes periféricas del siglo XIX vén ateigado de datos e imaxes, e entre as que agora nos fan matinar, e rir, están os debuxos dos diversos modelos de consoladores terapéuticos empregados para curar a histeria, como os que se anunciaban en 1910 nun folleto comercial norteamericano baixo un reclamo prometedor: “Vibration is life”.

Neste repaso interesante á loita das mulleres a prol da liberdade, a igualdade e a xustiza, constátase esa transversalidade que caracteriza o feminismo. Porque as mulleres se comprometeron desde diversas estremas ideolóxicas co antimilitarismo, a folga de ventres, os dereitos das obreiras, a emancipación, a sexualidade libre, o dereito á instrucción e ao saber, ou a reacción contra o matrimonio. Esta mirada retrospectiva interesa moito en tempos tan transformados pola loita a prol dunha cidadanía máis xusta e o acceso real aos dereitos (reparen que aínda está pendente de resolver, por exemplo, o estatuto da muller rural). Ana Muiña percorre as reivindicacións nas que moitas mulleres teimaron antes ca nós, así que vaian a esas rebeldes agora non tan periféricas, e non esquezan que, para encher baleiros no que toca a Galicia, sempre poden ir ao Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega e mais ao Dicionario de mulleres galegas de Aurora Marco. Boa semana e boas lecturas, rebeldes.

Advertisements

156| Ilustración doméstica e domesticada das mulleres

Emisión DIARIO CULTURAL 27/10/2008

Nas cavernas dos libros sempre se atopan coleccións concibidas para a ilustración doméstica e domesticada das mulleres, as populares bibiotecas de señoritas. Abundan nelas os manuais prácticos para o anxo do fogar, os compendios de saberes “propios deste sexo” e, sobre todo, un xénero fundamental na educación tutelada da muller burguesa dos séculos XIX e XX: as biografías de mulleres ilustres. Non é o morbo o que alimenta estas publicacións senón a necesidade de coutar o desexo das lectoras, que lían nestas biografías á procura de modelos, ansiosas de imitar aqueloutras mulleres que, por medio das artes, o relevo social ou un heroísmo imprevisto conseguiron superar o cativo horizonte que ofrecían o fogar e mais as convencións da sociedade moderna.

Hai algunhas semanas Xesús González Gómez apareceu cun deses tesouriños que só el atopa no remexer seguido entre os libros de vello. Refírome á Historia de la mujer contemporánea, escrita por Antonio García Llansó, Ramón Pomés, a viaxeira Emilia Serrano (Baronesa de Wilson), e mais Alfredo Opisso, publicada en Barcelona en 1899. A experiencia da viaxe en Emilia Serrano non se corresponde aínda coas aventuras afoutas de Isabelle Eberhardt, mais iso non lle resta interese ningún a unha muller de letras que coñece ben a América en triángulo do XIX e nos ofrece os retratos máis apaixonados do libro. Reparo, porén, noutra parte destas biografías: a que se refire ás mulleres ilustres de España asinada polo xornalista Ramón Pomés. Alí fala de Fernán Caballero, Josefa Massanès, e, por suposto, as tres inevitábeis galegas do XIX: Concepción Arenal, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Xa poden imaxinar que Pomés escribe os retallos biográficos co freo do prexuízo posto: gaba, si, a obra das autoras pero por riba de todo subliña a súa humildade, o seu sufrimento, a compaixón e a vocación familiar, aínda que a biografía da súa contemporánea Pardo Bazán se lle resiste á doma. Agora ben, con Concepción Arenal e Rosalía de Castro fai un pandeiro. A Rosalía preséntanola coma escritora en español, chea de dúbidas, dependente dos xuízos dos colegas literatos e autora dunha obra breve. E sobre Arenal conclúe que o máis salientábel da súa vida é que amou con “toda a efusión dunha alma tenrísima de muller”. En fin, esta Historia de la mujer contemporánea é unha reliquia das cavernas, mais as fábricas de domesticación seguen vixentes. Por exemplo, nesa colección de quiosco de Grandes Escritoras que trivializa a narrativa de mulleres e algúns dos seus grandes textos, converténdose nunha Biblioteca para mulleres de mediana idade, que, segundo a propia editorial, teñen como intereses afíns a novela romántica, o punto e mais as dietas. Interesa seguirmos as coleccións populares porque nelas espellan os prexuízos do noso presente. Boa semana e boas lecturas.


137| Apoloxía das mulleres

Emisión DIARIO CULTURAL 09/06/2008

Referíame a semana pasada á Despedida de Lidia y Armindo, ese texto inédito de Francisca Isla e Losada no que a protagonista, encarnando unha Venus ilustrada, pretende disuadir ao seu Marte das dubidosas glorias da guerra. Coa súa publicación déitase bastante máis luz sobre unha das escritoras do século XVIII, que até agora nos era máis coñecida como editora dos textos de seu irmán que como creadora. Pois ben, hai unhas semanas saíu do prelo outro estudo que contribúe a coñecer mellor o contexto en que escribían as ilustradas. Refírome a La vida y la escritura en el siglo XVIII. Inés de Joyes: Apología de las mujeres, un estudo con edición crítica profusamente anotada de Mónica Bolufer e publicado pola Universidade de Valencia. Até agora Inés de Joyes era un interrogante. A primeira noticia que dela se tivo aparecía no seu único libro publicado: a tradución ao español dunha novela moralizante que tivo bastante éxito no seu momento Rasselas, príncipe de Abisinia, publicada en español en 1793, o mesmo ano no que decapitan a Olympe de Gouges. O curioso do caso é que na portada da tradución non constaba o nome do autor da novela, Samuel Johnson, un escritor inglés moi popular, senón unha descoñecida que se arrogaba a autoría dun texto engadido ao final. Reparen na lenda da portada do libro: “El Príncipe de Abisinia. Novela traducida del inglés por Doña Inés Joyes y Blake. Va inserta a continuación una Apología de las mujeres en carta original de la traductora a sus hijas”. Nela abunda na cuestión das mulleres cos argumentos que percorren o século XVIII: a reinterpretación do relato de Adán e Eva, os argumentos de Feijóo, a defensa da capacidade intectual das mulleres, a necesidade da súa instrucción intelectual e de preparalas para as conversas racionais e para unha máis axeitada educación dos fillos, a importancia da formación como ingrediente da virtude, e, finalmente, a defensa da muller solteira fronte os matrimonios desiguais, unha cuestión que ocupa tamén o século XIX, mesmo a Concepción Arenal, aínda que con outros argumentos. Como ben se fai notar nesta pormenorizada edición, a Apología de las mujeres participa no debate intenso que ocupou, por exemplo, a Josefa Amar y Borbón ou Mary Wollstonecraft e, sen chegar a romper co contrato sexual da Modernidade, defende a capacidade intelectual das mulleres.

Inés de Joyes, sabémolo agora, pertencía á burguesía comerciante andaluza mais de ascendencia irlandesa, e fíxose cargo do negocio familiar cando quedou viúva. Trátase dun caso máis de muller de clase alta que participa de maneira activa na vida intelectual cando chega á idade madura e cando xa quedou viúva, porque, como se sabe, a escrita era daquela un estorbo para o desexo masculino e para a reproducción. Boa semana e boas lecturas.