Arquivo por etiquetas: Francisco Franco

161| EBA e Bos Aires con Margarita Xirgu en primeiro plano

Emisión DIARIO CULTURAL 01/12/2008

Ser, non son moito de cabodanos, mais a homenaxe que hoxe se lle rende en Ourense a Eduardo Blanco Amor convida a lembrar a fascinación de EBA por Margarita Xirgu. O 18 de xuño de 1968 a actriz estivera de aniversario e esa foi ocasión acaída para facerlle no mes de decembro un retrato americano en La Vanguardia cun título puramente descritivo e pouco esforzado: “Margarita Xirgu cuenta ochenta años”. Blanco Amor era daquela, escritor poderoso e personaxe controvertido, convencido da súa valía como literato e aínda co arroallo de quen vivira na intensa Bos Aires, unha cidade daquela máis europea e máis cosmopolita cás grandes cidades baixo a bota de Franco. Ofrecía no artigo unha semblanza vivida da actriz que conmoveu a comunidade exiliada, especialmente a catalá, que asistía ás súas representacións convertidas de feito nun acto social imprescindible.

O retrato de Blanco Amor demórase na descrición da actriz e claudica á fascinación da muller divinizada pola arte dramática, convertida en artista poderosa, en diva. Porque a Xirgu encarnara nos teatros de España, Arxentina e Uruguai as grandes personaxes femininas: Medea, Electra, La Celestina, Mariana Pineda… E lembraba de camiño o fío que leva da Xirgu á Casares, aquel que Antonina Rodrigo debullou con máis vagar no seu clásico Mujeres para la historia: a montaxe bonaerense, en 1963, da Yerma de García Lorca, coa Xirgu de directora e María Casares de actriz. A estrea tivera lugar no Teatro San Martín de Bos Aires, ese teatro na Avenida Corrientes onde está, conforme se entra, por baixo do nivel do chan, o grande mural de Luís Seoane en homenaxe ao teatro arxentino. Blanco Amor quería demostrar o poder abraiantae da actriz e facía fincapé na singularidade dunha voz ben termada e poderosa que lembraba así (tradúzolles á brava): “Saíu de España a comezos de 1936, chegou a Bos Aires moi avanzado o ano, logo de ter actuado en varios países de América. Xa a guerra o dramatizaba todo. Qué sentido directo acadaba, de súpeto, o berro maternal de ‘Bodas de sangue! Dous bandos… Aquí hai dous bandos!’”. A actriz demócrata —non roxa—, arrastraba canda ela, sen querelo, un dramatismo simbólico, extrateatral” (LV, 28/12/1968: 47).

Da Xirgu a García Lorca non había nin medio paso. Blanco Amor aproveita e cita unha carta que lle escribe, seica, o poeta granadino co gallo do seu libro de poemas, Romances galegos, no que lle falaba sobre as diferencias entre o galego e o español. Puña en boca de Lorca: “Tú, con tu fala de luces grises, deshuesadas; yo, con este resplandor hiriente, con este idioma tigre” (LV, 28/12/1968: 47). Blanco Amor, que tamén tiña lingua tigre para ferir con raiba as rivais, aquelou neste artigo un retrato de Bos Aires con Margarida Xirgu en primeiro plano. Que a Xirgu nacera en 1888 en Molins de Rei era a excusa axeitada para deixarse ir pola memoria propia. Boa semana e boas lecturas.

Advertisements

155| O incontinente Baltasar Porcel e o galego

Emisión DIARIO CULTURAL 20/10/2008

A semana pasada estaba ler en La Vanguardia o obituario de Ramiro Fonte asinado por Anxo Lugilde, e nestas batín coa columna de Baltasar Porcel, o candidado catalán ao Nobel que escribe como deus ex machina. Publicaba unha zaragallada mal cociñada sobre razas, idiomas e nación a propósito do 12 de outubro, e defendía que o único que temos en común é a lingua. A seguir debullaba algunhas contradicións coas que parcialmente concordo, como o papel da bilingüe industria editorial catalá no boom da literatura hispanoamericana ou a incomprensíbel invisibilidade da literatura portuguesa nas culturas española e catalá. Ao remate recuncaba no seu vello prexuízo da inferioridade da cultura galega ao optar a normativa oficial por unha grafía que a el non lle presta, estendendo a sombra do franquismo, e levado, sen dúbida, por un medo moi catalán, o blaverismo, que é, xa saben, a negación por parte do valencianismo pro-españolista dunha cultura común aos Países Cataláns. Tradúzolles, á brava, o treito final da columna de Porcel:

“E o catalán tampouco le portugués. Aínda que Portugal tamén canea con Brasil, enfatizan as súas particularidades idiomáticas. Como pasa con Galicia, coa súa grafía española contra a portuguesa. Somos razas con cara de can.

Aínda que os galegos tampouco entran en España se non escriben en castelán. Cunqueiro só se leu neste idioma, no que resultaba enxesado. Como Rosalía, tópica en castelán e no seu marxinado galego prodixio lírico superior a calquera peninsular moderno. ¿Franco escribía en galego? O seu atiplado ton tiña unha delicadeza…” (“Fiesta, razas, idiomas y nación”, La Vanguardia, 12/10/2008: 25)

Fin da cita. Á marxe da zaragallada de alusións para o recheo final da columna, as resistencias á tradución e a broma mal resolta sobre Franco, interesa un feito: as dificultades que temos para explicar Galicia nesta banda fóra do molde que converte en casos cuspidiños as relacións entre Galicia e Portugal e mais as de Valencia e Cataluña. Custa moito explicar que tamén quen non escriben con nh seguen con atención a cultura portuguesa e poden ler sen traducir a Fernando Pessoa e Clarice Lispector. Daquela poñen cara de “non imos discutir o evidente” e batemos co de sempre: de Galicia sábese pouco e tópico.

Non é a primeira vez que Baltasar Porcel, encantado de ser o escritor rabudo, escribe con pluma de lume sobre o galego. Hai algúns anos dixo del que nin idioma era porque, total, entendíase todiño. Nada novo desde o seu limiar prescindible a El Cadiceño de Rosalía de Castro para unha editorial da Coruña que, por certo, non publica en galego, nin con ñ nin con nh. O mellor é meter o incontinente Porcel na mesma saqueta de Steiner e dedicarse a sachar noutros embaixadores, por exemplo, neses escritores cataláns que veñen de traducirse ao galego e teñen columna no mesmo xornal. Boa semana e boas lecturas.