Arquivo por etiquetas: Manuel Rivas

Como chegou a poesía galega ao “Caravansari”?

Dores Tembrás debulladiña por Antía Marante, Manuel Rivas, Oriana Méndez segundo Arturo Casas, Ana Romaní lida por Silvia Bermúdez e Lois Pereiro traducido por Daniel Salgado e lido por Alberte Valverde… A creación e a crítica recentes reúnese no número 4 de “Caravansari”, unha revista, fermosa e feitiña, que xorde con vocación de tránsito e encontro

Ler o artigo completo en Praza Pública (06/05/2012)


148| As palabras, garantía dun encontro

Emisión DIARIO CULTURAL 25/08/2008

Nada novo lles conto se lles digo que no Tortoni hai tertulia literaria galega, que para iso Débora Campos vai debullando cada canto o decorrer deses encontros nas súas crónicas para este Diario Cultural. E se cadra leron a de Andrea Cobas nun dos números de Grial de 2007. No Tortoni xa cadraramos no novembro con Manuel Rivas, pero desta vez iamos poder asistir a unha tertulia normal na Sala Alfonsina Storni, desas nas que, sen medo, se remexe o café coas impresións de lectura, as risas e a camaradería que vai creando compartir conversa unha vez ao mes. Aquelas e aqueles que viñamos de fóra, e eramos unha presadiña, abriamos ollos e orellas diante de tanta intensa e estimulante actividade lectora. Viñamos de A Fonsagrada, Pontevedra, Barcelona e Montevideo para participar nese pequeno milagre que alenta a emoción de galeguidade, alén das barrigas fartas de empanada e os actos grandielocuentes de tal Presidente ou tal outro cando aló van á procura da foto e do voto, que vén a ser case o mesmo. Este ano os títulos programados son de novela negra galega e estoutro día tocáballe a Á de mosca de Aníbal Malvar. Guiaba a sesión Andrea Cobas, investigadora na Universidade de Bos Aires e especialista no narrador Roberto Bolaño. Ben se lle ve que prepara as sesións co rigor da especialista e a cordialidade de quen sabe que a literatura é sobre todo pracer intelixente. Xogando a Maigret cos trinta lectores da tertulia, aló ían seguindo o xogo de pistas da novela que, seica, compraceu moito a toda a parroquia. Dúas horas falando e falando cos cafés que nos serve, cómplice, un camareiro brasileiro, que se comunica cos clientes en español, portugués e mesmo en linguaxe de signos. Despois, xa en privado, tertulia e mate con Débora Campos e co seu home, Ángel Berlanga. Partillar actualidade e libros con estes dous amigos xornalistas é como dispor de palco de honra sobre a actualidade da Arxentina. Como a xente da tertulia galega do Tortoni, saímos da casa de Débora e Ángel con novos libros para ler: Osvaldo Soriano, Fontanarrosa e unha novela de Silvia Bleichmar, No me hubiera gustado morir en los 90. Tratar, trata da sociedade arxentina, pero Débora dixo que nos ía axudar a entender o que pasara aquí. Cun arreguizo saímos ao inverno antártico de Bos Aires con ganas de empezar a ler o libro, que empeza confiando no poder das palabras. Tradúzolles: “Se as palabras se gastasen, se a función que cumpren como garantía dun encontro entre os homes que non sexa só un bater dos corpos se agotase, quedariamos orfos de ideas. Elas dirixen as nosas accións”.

Para a tribo irreductíbel da Sala Alfonsina Storni do Café Tortoni, apertas ao lonxe… E para o resto, boa semana e boas lecturas.


115| Pensar a nación .1

Emisión DIARIO CULTURAL 07/01/2008

Estamos de reformas. De reformas dos relatos nacionais e os seus ritos.

Desde Homi Babbha sabemos que a nación é unha narración. Con esa ferramenta teórica entendemos mellor porqué o celtismo, que xurdiu como evidencia histórica e arqueolóxica, é hoxe un elemento mítico recoñecible dese relato co que decidimos construirnos. E aínda hoxe o celtismo non perdeu capacidade como discurso de cohesión na nosa comunidade nacional. Nos últimos tempos obsérvanse algúns indicios da necesaria posta ao día dos símbolos e ritos que nos identifican, cos que nos indentificamos. Por exemplo, o himno. Despois de moitos debates e moitas parodias sobre o carácter épico ou non do poema de Pondal e a música de Pascual Veiga, viñemos concluír que hoxe a épica é outra cousa. A forza e a afouteza nacionais tal como se entendía no século XIX usa outra vara de medir. Porque nunha comunidade que renunciou á lóxica da supremacía bélica as novas representacións do heroe escríbense na sección de deportes, cos tantos das seleccións nacionais e outras victorias sobre herba, asfalto, auga ou terra batida. Mudan os tempos, e mudan as lecturas, e como puideron comprobar, no último ano demos cunha nova chave para ler o himno de Veiga e Pondal e superarmos aquel escepticismo posmoderno que con san humor nos levara a tomalo a broma. Porque o que se sentían como feblezas dos relatos nacionais da modernidade poden servir hoxe como base para a nosa adecuación aos tempos que corren. Así que a ninguén estrañou que tanto Manuel Rivas como Manuel Ferreiro viñeran cadrar na mesma: na vixencia que ten o himno galego lido desde o ecoloxismo.

Estamos en época de reorganización dos relatos nacionais, e iso non ocorre só onda nós. Hai algunhas semanas na Francesca Bonnemaison de Barcelona a escritora Josefa Contijoch organizou unha mesa para pensar algunhas nacións hoxe desde as mulleres e o feminismo. Falabamos a historiadora xudía Idith Zertal, moi crítica coa utilización que fixo o sionismo da realidade do holocausto e a diáspora, a ensaísta e tradutora eslovena Simona Škravec, a catalá Margarida Aritzeta e mais eu. A mesa deu para pensar moito logo do acto. Margarida Aritzeta, especialista en literatura e nación, e na actualidade vinculada a Esquerra Republicana e ao goberno da Generalitat de Catalunya, defendeu a necesidade de repensar as conmemoracións nacionais catalás, tendo en conta que ese relato debe axeitarse ao século no que estamos, cunha realidade multicultural, plurilingüe, non excluínte e antibelicista. Repensar a épica nacional alén dos relatos aprendidos, vaia, todo un reto que cómpre ir resolvendo ou se corre o risco de impedir a incorporación ao sentimento nacional de tantas persoas que non se recoñecen na épica herdada, tan masculina, por certo.

Seguimos pensando a nación a vindeira semana. Boa entrada de ano e boas lecturas.