Arquivo por etiquetas: Maria-Mercè Marçal

A Rosalía de Roger Mas e a Cobla Sant Jordi

A primavera musical catalá trae entre as súas novidades a poesía de Rosalía de Castro. No último traballo de Roger Mas coa Cobla Sant Jordi – Ciutat de Barcelona aparecen a Negra sombra, musicada por Xoán Montes, e mais outro verso que de seguida recoñecemos, Si el mar tingués baranes, unha chiscadela rosaliana que serviu de arranque para unha das cancións que Maria Mercè Marçal publicou no seu libro Sal oberta

Ler o artigo completo en Sermos Galiza (25/05/2012)


169| As escritoras catalás no espello

Emisión DIARIO CULTURAL 09/02/2009

En Galicia algo se sabe da cultura catalá actual e aínda así hai un grande descoñecemento das escritoras recentes. Para lle poñer remedio, a revista Literatures vén de publicar un magnífico monográfico que serve de guía para coñecer a literatura catalá de autoría feminina desde a posguerra deica as máis recentes promocións.

A cultura galega mírase, teimudamente, no espello da cultura catalá, malia as moitas diferenzas. Axuda a proximidade lingüística, aínda que teño para min que hai corenta anos, nos tempos da nova cançó, da nova canción, ler en galego ou catalán formaba parte dos costumes de quen tiñan por evidente unha realidade plurinacional e plurilingüe, esa realidade que non lles presta a quen fan do bilingüismo felo para agochar intransixencias monolingües e manifestacións sen sentido en Barcelona e Compostela. Sonlles estes tempos de intolerante simplismo ideolóxico.

Dicía que a cultura catalá funciona como espello para a galega e niso inflúe a importancia das industrias culturais, o efecto modelo dunha sociedade que vén destinando máis esforzos e recursos a desenvolver e dar a coñecer a cultura propia e, por suposto, o fluxo de galegas e galegos que entran en contacto con esta cultura. Mais, que sabemos da literatura catalá actual escrita por mulleres? Soan algúns nomes ao lonxe; ao lonxe, porque seguen sen traducir as narradoras Montserrat Roig ou Carme Riera, a poeta Montserrat Abelló ou a dramaturga Lluïsa Cunillé. Para poñer remedio a este descoñecemento lean en internet o número 6 da revista Literatures publicada pola Associació d’Escriptors en Llengua Catalana. O monográfico ábrese cunha panorámica completa de Lluïsa Julià, a especialista de referencia neste tema, que abrangue desde a segunda metade de século XX deica agora e ofrece un reconto ordenadiño das sucesivas promocións de escritoras, a súa obra e as súas singulares condicións de escrita no marco discursivo da nación. Julià, coñecedora da literatura galega, refírese ao papel de Rosalía como espello para Maria-Mercè Marçal. Pola súa banda Gemma Pasqual analiza o papel das mulleres como autoras e protagonistas na literatura infantil e xuvenil; Anne Chartlon, que publicou unha monografía clásica sobre as narradoras en catalán, debulla agora o tema das relacións nai-filla; e Meri Torras analiza a concepción do corpo-texto en dúas das novas poetas. A revista inclúe tamén un artigo sobre Hélène Cixous asinado por Marta Segarra e mais outro sobre a literatura galega recente. Literatures sérvenos de guía para remediar o noso descoñecemento e ir amecendo novos nomes á saqueta de escritoras catalás: Laia Noguera, Gemma Gorga, Mireia Calafell ou Inma Monsó, por exemplo. Bona setmana i bones lectures.


166| “A hedra vermella do teu sangue”: exilio e desexo en Marçal e Rodoreda

Emisión DIARIO CULTURAL 19/01/2009

No Passeig de Gràcia, unha diante da outra, pódense ver estes días senllas exposicións de dúas escritoras que centran o interese dos estudos cataláns nos últimos tempos: no Palau Robert, Maria-Mercè Marçal fotografada por Pilar Aymerich, Colita e Montserrat Manent, e na Pedrera a obra pictórica de Mercè Rodoreda, que nalgúns dos seus cadros fai pensar naquelas mozas de ollos inmensos que trazou Ana Pillado nos seus inicios.

A semana pasada tivo lugar unha mesa redonda para propor por primeira vez a lectura comparada das dúas, confrontando os versos escritos por Maria-Mercè Marçal, autora tamén dunha novela, e Mercè Rodoreda, que escribiu sonetos e pintou cadros cando faltaba alento para a narrativa longa. A mesa viña completar as xornadas marçalianas que se celebraron no decembro e nas que se falou, e moito, das súas conexións poéticas con outros escritores, como Joan Brossa, Anna Akhmátova e Rosalía de Castro, á que lle dedicou algún poema. Para abundaren no tema poden consultar os números monográficos que lle dedicaron no seu día as revistas Urc e Lectora e mais as actas das Primeres Jornades Marçalianes que vén de editar a Fundació Marçal. Mercè Ibarz abriu a mesa salientando que aínda quedaban deberes por facer: a publicación íntegra da poesía de Rodoreda, que se botou a escribir versos sempre alentada polo seu amigo e poeta Josep Carner. Muller atenta ao devir do seu tempo, elixe a figura de Ulises para representar unha das grandes cuestións que ocupan o século XX: as incertezas do exilio, que debullaron onda nós, desde a experiencia galega, Avilés de Taramancos e Florencio Delgado Gurriarán. Mais nesta primeira lectura comparada Marçal-Rodoreda adiantouse un chisco máis. Neus Aguado e Carles Torner sinalaron semellanzas e diferenzas na súa escrita do exilio, do desexo, do corpo, dos mitos e no común interese pola forma estrófica como reto: o soneto para a Rodoreda e a sextina para a Marçal. Mais o achado máis fascinante da lectura comparada que se fixo a semana pasada foi un verso fermoso que aproximaba as dúas autoras: “L’heura vermella de la teva sang” (tradúzolles: “A hedra vermella do teu sangue”). Escribir, escribiuno a Rodoreda pero o verso cadra coa omnipresencia da hedra na Marçal, e lido así soíño ninguén llo atribuiría á autora d’ A Praza do Diamante.

Se non poden vir a Barcelona, non desaproveiten a ocasión de ver o vídeo da exposición sobre Maria-Mercè Marçal, que inclúe lecturas por boca da propia autora e permite ver os seus cadernos de escrita. E aínda poden aproveitar, se queren, para repasar unha anterior sobre Vázquez Montalbán, onde han bater cunha pegada de Suso de Toro. Teñen as ligazóns todiñas no blog. Como Marçal e Rodoreda seguen case impracticábeis en galego, anímense a lelas no orixinal. Bona setmana i bones lectures.


125| Esta son eu agora e vexo o mundo

Emisión DIARIO CULTURAL 17/03/2008

Preguntábame unha estudante de dereito se podía explicar a función social da poeta hoxe en relación ao movemento feminista. A pregunta semella obvia pero tiña o seu aquel porque xurdía nunha polémica inevitábel: a aparente contradición entre movemento e pensamento feminista. Máis que pregunta era un desafío e a resposta pedía seis cabazos de sedución. Podería ter contestado á galega por María do Cebreiro, “as poetas escribimos para non ter explicarnos”, pero por máis acertada que sexa, non sei se era abondo para a convencer. Cumpría pensar noutros termos e optei pola poesía asertiva e política que practicaron moitas escritoras levando á práctica aquilo que escribiu Chus Pato: “máis que un poema / libération pour femme”. Daquela empecei a debullar versos que funcionan como lemas do movemento feminista galego e catalán. Estar están escritos no papel pero poderían encher unha pancarta. “Eu tamén navegar”, de Xohana Torres; “non son perfume, son carne perfumada”, de María Xosé Queizán; “por min mesma, señores, por min mesma”, de Ana Romaní; ou, a repetida “Divisa” de Maria-Mercè Marçal: “a l’atzar agraeixo tres dons: haver nascut dona, / de classe baixa i nació oprimida. // I el tèrbor atzur de ser tres voltes rebel” (tradúzolles: “ao azar agradezo tres dons: nacer muller, / de clase baixa e nación oprimida. // E o turbio azur de ser tres veces rebelde”).

Pero ademais está toda aquela poesía que, falando desde a experiencia propia, nos ilumina, e ilumina o mundo. Así o puidemos comprobar a semana pasada na intervención de Luz Pozo Garza na Universidade de Barcelona. Ofrecía un percorrido pola súa vida-poesía, acompañada por Olivia Rodríguez. De mestre de cerimonias actuaba Basilio Losada, amigo persoal seu, que falou dun dos seus libros que tamén a min máis me prestan, Prometo a flor de loto. A seguir a autora empezou a falar e falar, e converteu o acto nun salonciño privado onde lía nos versos como quen partilla nunha tertulia. O público sucumbiu ao engado das confidencias e a esa capacidade que ten Luz Pozo para resolver a fenda entre o privado e o público, entre o eu e o mundo, entre a experiencia e a escrita. Por esta razón a intervención titulouse “Esta son eu agora e vexo o mundo”, un verso extraído de As arpas de Iwerddon, que nos sitúa no reconto dos anos de quen fusionou vida e poesía, pero tamén nos pode levar a pensar en calquera muller xa entrada en idade que bota ao lombo a saqueta de experiencia logo de medir o mundo con pasos propios.

Non sei se con esta procesión de versos aquela estudante entendeu que non hai abismo entre escrita e acción sociopolítica. Teño abondo con que saiba en carne propia que a poesía move e conmove porque verbaliza o noso estar: “Esta son eu agora e vexo o mundo”. Boa semana e boas lecturas.