Arquivo por etiquetas: Real Academia Galega

Partir cadeiras ou partillalas con elas?

O xogo das cadeiras e a Academia Galega, de novo? O debate non se pechou, nin sequera cando en 2011 a rúa Tabernas designou novos académicos (masculino plural) e ocupou todas as cadeiras dispoñíbeis para aquel baile. Só quedou en pausa. Agora hai unha cadeira vacante e, ben o saben, toca cumprir co rito anual das Letras Galegas, que empeza coa elección do nome. Ou é do home? Así que o debate volve á actualidade

Ler o artigo completo en Sermos Galiza (29/05/2012)


134| Letras galegas .1

Emisión DIARIO CULTURAL 19/05/2008

Se cadra é que levaba moito tempo sen pasar o Día das Letras en Galicia, pero este 17 de maio, que me cadrou en Vigo, foi unha experiencia un tantiño estraña. E iso que toda a concepción do Día das Letras, celebrándolle o cumpreanos a un libro en troques de rememorar fusilamentos, colonizacións ou exterminios, sitúa a Galicia como modelo para ese novo tipo de conmemoracións que se están a estudar desde outros gobernos co fin de que as celebracións colectivas recollan valores como o dereito á diferenza, as identidades nacionais multiculturais e os principios de non discriminación. O primeiro abraio veu coa axenda bipolar do goberno galego, que vén sendo a institución que decide que o 17 de maio é festivo. Non se sabe moi ben a razón, pero o caso é que uns foron a Vigo para asistir aos actos institucionais da Academia Galega, sumándose á celebración dun día grande para Galicia, mentres que o Presidente Touriño marchou á Arxentina para lembrar a longa tradición galega existente naquela banda do Atlántico. Que Bos Aires é lugar fundamental da nosa historia e da nosa cultura está fóra de toda dúbida, e por iso houbo Letras Galegas antes que lembraron a Castelao, Seoane, Dieste ou Lorenzo Varela. Mais o que non está tan claro é se o Presidente, que ratifica coa súa sinatura o calendario de feriados de Galicia, debe ausentarse neste día no que os políticos ceden o protagonismo á Academia Galega e sentan nunha discreta primeira fila para escoitar á corporación que entende de asuntos da lingua e da cultura galega. Daquela, pregúntome, teñen pensado facer o mesmo o vindeiro 25 de xullo cando o goberno galego cede palestra e púlpito á Igrexa e senta nunha discreta primeira fila escoitando a unha corporación que –mágoa!– non entende nin de lingua nin de cultura galega, nin se axusta no seu funcionamento a moitos dos principios que rexen para o resto de institucións? A cousa resulta perturbadora, porque se a máxima representación de Galicia non cre nas celebracións que ratifica a súa institución, quen vai crer nelas?

Claro que, para ser xusta, non é o único que descre do día, e volvo a un argumento reseso pero aínda certo: o Día das Letras Galegas foise valeirando de contido porque os festivos se converteron en tempo de lecer cada vez menos aptos para a actividade cultural e conmemorativa. Non sei se hai que retomar o debate que quedou sen resolver sobre a despenalización do 17 de maio para que volva ser día de celebración e autoafirmación. En todo caso, e concordo co que escribía Manuel Bragado no seu blog, o sábado pasado en Vigo as Letras Galegas non estiveron á altura dun día grande e os actos de homenaxe falan máis do noso desleixo institucional e popular. Vémonos no espello e non nos recoñecemos, logo algún problema temos.

Boa semana e boas lecturas.