Arquivos mensuais: Abril 2008

130| Diferenza sexual, vida cotiá e prehistoria

Emisión DIARIO CULTURAL 21/04/2008

Mentres en Cataluña dá comezo unha semana cheíña de libros co gallo do Sant Jordi, en Galicia temos un novo capítulo da misteriosa desaparición da colección de arte precolombina de Leonard Patterson que, sospeitosa de ser froito do saqueo de lugares arqueolóxicos americanos, andou a tumbos por Compostela e agora, seica, foise co vento. Non era este mal comezo para unha ficción de éxito, pero polo de agora só é crónica de sucesos nas páxinas dos xornais.

Sen saírmonos da arqueoloxía, prefiro un libro serio, rigoroso e poderosamente innovador. Trátase dun estudo da arqueóloga e feminista catalá Encarna Sanahuja Yll titulado La cotidianeidad en la prehistoria, publicado por Icaria. Sanahuja parte do cuestionamento dos lugares comúns que aferrollan o estudo científico da prehistoria e defende, pola contra, un novo enfoque. Ao seu ver aínda agora o grande problema de pasado é o presente, ou mellor dito, a teima por procurar na prehistoria a naturalización das formas de vida do noso presente, aplicando unha mirada que impide coñecelo tal como foi. E a seguir fai fincapé nas carencias. Subliña que os paradigmas de estudo dominantes lle prestaron moita atención á cultura material, ao estudo dos obxectos e dos alimentos, e ao desenvolvemento da capacidade de raciocinio (froito do noso paradigma cartesiano). Pero esquecéronse do estudo da vida. Esquecéronse os corpos, os corpos necesariamente sexuados que repararon os artefactos, procesaron os alimentos, coidaron do corpo propio e dos alleos, tiveron relacións afectivas, procrearon, e procuraron recoñecemento. Esquecéronse, logo, os labores asociados a dar e manter a vida.

Con datos empíricos Sanahuja explora as evidencias da diferenza sexual. Fala da importancia do parto naquelas sociedades. Demostra que nun xacemento no norte de Siria as pateoloxías óseas permite descubrir que naquel grupo os homes acostumaban a estar en posición de descanso mentres que as mulleres adoitaban estar de xeonllos para moer os cereais. Ou fala de como noutro xacemento no sudeste dos Balcáns aparecen evidencias da misoxinia na orde simbólica porque nun enterramento atopouse o cadáver do xefe co pene enfundado en ouro, pero, que se saiba, non apareceu aínda xefa ningunha con vulva enfundada no mesmo metal.

Con La cotidianeidad en la prehistoria Encarna Sanahuja propón un suxestivo cambio de perspectiva: converter a vida no eixe dos estudos científicos da prehistoria. E abre un reto que pode parecer utópico: estudar estas sociedades milenarias caso por caso a partir das evidencias e sen prexuízo ningún, e ver se nos fornecen modelos de relación alternativos aos actuais; modelos de organización social xa experimentados que sirvan para artellar novas maneiras de relacionarse no noso presente. Boa semana cheíña de libros e de vida, e boas lecturas.


129| Xoguete

Emisión DIARIO CULTURAL 14/04/2008

Algo debe ter o abril que lle altera a bioquímica aos xornais galegos. Para min que se estresan cando botan contas do concentrado cultural que lles espera até finais de maio. Cantiños premios, conferencias e presentacións de libros apuntados na axenda e tan pouca xente para os atender! Se cadra lembran que o ano pasado La Voz de Galicia, logo do domingo de resurrección, anunciou que a poeta María Mariño ía presentar o seu último libro, cando a coitada estaba máis para un traslado ao osario que para o negro sobre branco. O xornal conseguíu o imposíbel: ter no 2007 un día das letras vivas. Pois ben, hai nove días, El Correo Gallego.es daba a nova dos Premios Nacionais da Crítica. Logo de salientar que o acadaran Helena de Carlos e Luís Rei Núñez, engaden que “a escala estatal […] os gañadores foron…”, e citábase a Chantal Maillard e Rafael Chirbes, dous escritores en español. Das literaturas vasca e catalá, nin a máis mínima información. E eu, mentres, perdida intentado recompoñer conceptos porque, segundo esa nova, estatal quere dicir ‘en español’, nacional significa ‘en galego’ e aos países que falan vasco e catalán debeulles conceder a independencia, porque nin se mentaban na información do premio. Nunha semana que levaba sen ler a prensa galega non pensaba eu que El Correo Gallego.es mudase tanto. En fin, se un medio de longa traxectoria o di…

Pero non morreu aí o conto. O ABC e La Región o día 5, e El Correo Gallego, ADN, Galicia Hoxe e La Opinión o día 6, co gallo da mesma nova, fixeron unha contribución inesperada á crítica galega porque, para explicar a xustificación do premio, seica reproducían comentarios “da representante do xurado María Jesús Noveira”. María Jesús Noveira? Logo dun demorado reconto, decateime. Ese avatar inesperado alóxase no mesmo corpo que María Xesús Nogueira, a mesmiña que lles fala os martes de libros, só que lle xibarizaron o apelido e lle traduciron o nome.

O asunto non pasaba de xoguete intrascendente para comentario chocalleiro se non fora porque denota problemas de maior profundidade. Falaba esta semana na Universidade de Barcelona Xurxo Borrazás sobre a literatura na prensa galega. Dicía que se aposta pola publicación masiva de libros galegos en coleccións cando serven para vender xornais, pero a diario as novas de cultura afogan entre os sucesos e as necrolóxicas. Porque nas cabeceiras de toda a vida mantense un desinterese endémico por esa sección, feita a base de novas de axencia, e moita cultura galega silenciada.

Unha das oíntes máis novas do Diario Cultural é a Alba, de Ourense. Os luns cádralle no coche, camiño da clase de pintura. Estoutro día pedíame que falara máis clariño, para ver se me endendía mellor. Pois hoxe vai ser doado. Mira, Alba, o que ocorre é que os xornais copian demasiado as informacións das axencias e faltan profesionais que atendan con coñecemento de causa as novas de cultura.

Boa semana coa cultura galega e boas lecturas.


128| A Penélope de Maria Antònia Salvà

Emisión DIARIO CULTURAL 07/04/2008

Na terra cha de Mallorca medrou, viviu e escribiu a que se considera a primeira escritora moderna en catalán, Maria Antònia Salvà. Abriu o século XX superando a poesía sentimental burguesa que cultivaran boa parte das escritoras anteriores en catalán e optou pola poesia arraigada na terra, na fala de Mallorca e nos xeitos da poesía popular. Mantivo relacións intensas co escritor Miquel Costa i Llobera, que temos traducido ao galego por Xavier Baixeras, pero tamén con poetas máis novos ca ela. Un destes, Josep Carner, que adoitaba pasar longas estadas na illa, dixo dela que era a voz de Mallorca, que soubera recoller a fermosura do folclore, a adhesión inquebrantable ao territorio e á fala. Ese interese pola poesía e lingua lévaa ao mundo da tradución e comeza por Mistral. A escolla aínda hoxe semella a máis axeitada porque quen mellor ca ela podía verquer o occitano da Camarga ao catalán da Plana mallorquina. A súa tradución de Miréia constituíu un verdadeiro fito no seu momento e participou na fixación do catalán literario porque antes da súa publicación o texto foi revisado polo miúdo no acabado de crear Institut d’Estudis Catalans. Muller de formación autodidacta, animouse logo a traducir do italiano textos de Pascoli, Manzoni e Petrarca, e, reparen, polo que conta nunha carta ao seu editor, tiña traducidos algúns poemas de Rosalía de Castro que non coñecemos aínda.

Rosalía está presente tamén na súa obra de creación. En concreto nun poema brevísimo, de oito versos, recollido no seu derradeiro libro, Lluneta del pagès (Lúa do labrego) de 1954, que remite a As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos. Josep Carner, que era home lido e tivera contacto coa literatura galega, foi o primeiro en salientar publicamente esta conexión rosaliana, aínda que non acerta co poema exacto sobre o que está escrito. Carner remite ao “Este vaise e aqueles vanse”, pero o ton, a voz feminina e a queixa pola longa ausencia do amado que se constata no paso do ciclo agrario, remite á Penélope tecedeira de Rosalía, a de “Tecín soia a miña tea, / sembrei soia o meu nabal”. Este é o poema de Maria Antònia Salvà, que lles leo en catalán:

Ell és a Cuba
Passarà el temps de sembrar,
l’herba colgarà les soques,
el favar treurà bajoques
i mon bé no tornarà.

Cada hora passa més llarga,
cada dia més crudel…
Terra de la canya-mel,
terra de la mort amarga!

De Mallorca saíu moita emigración cara a Cuba que non había tornar á illa, así que Maria Antònia Salvà non se limita a recoller un motivo literario, senón que anosa, mallorquiniza, o tema rosaliano da viúva dos vivos e a viúva dos mortos. Boa semana e boas lecturas.


127| Mulleres que saben, a través das palabras, calmar a dor

Emisión DIARIO CULTURAL 31/03/2008

Trasantonte quería ir á biblioteca da universidade pero, como había conferencia de rectores, o edificio converteuse nun convento contemplativo porque medio cento de persoas non cadran conformes cos cambios neoliberais que implica a actual reforma universitaria. Xa saben, o do boloñés. Rectores dentro, moços d’esquadra fóra, e non había maneira de entrar nin saír, como se a síndrome dos aeroportos contaxiase os templos do saber. Como non podía ir á biblioteca marchei á librería. E saín gañando. Aló fun a Ona, a catro pasos da universidade, unha desas librerías especializadas en catalán que sobreviven á crise do libro, o imperio do best-seller e a presión das grandes superficies. Ía entrar mangada pola porta mais quedei varada no escaparate. Entre novidades diversas alí a estaba, nun lugar especial, a terceira edición de Herba d’enamorar de Teresa Moure, verquida ao catalán grazas ao Pere Comellas. A terceira edición en catalán! Entrei, remexín nos andeis, collín catro ou cinco libros e fun pagar en canto puiden. Quería saber as razóns daquel trato especial para un título que xa non era novidade e a libreira, emocionada, faloume do seu desexo de contaxiar a lectura polas historias que lle prestan, da súa complicidade coa editora de La Campana e coa escritora, do faltiñas que estamos de coñecermos mellor o que se fai noutras literaturas sen pasar polo cribón da maquinaria editorial en español, e do texto que ela mesma escribira para o escaparate. O texto remata así (en catalán, claro!): “as auténticas protagonistas da historia non son Cristina, Hélène e Einés, senón todas as mulleres que saben, a través das palabras, calmar a dor e prolongar o pracer”.

De palabras e de dor sabía, e moito, Mercedes Núñez. Pablo Iglesias escribírame había un par de semanas, contento, avisándome que saíra o primeiro libro da súa nai en catalán. Referíase á tradución de La presó de Ventas. Records d’una empresonada (1939-1942), en Cossetània Edicions. Logo de ler o libro na edición en español publicada en París, que gardo na casa como un tesouro, e da edición en galego que preparou Carme Vidal, relelo en catalán era como lle facer xustiza a esa mirada tan concienciada que anotou a experiencia dos fascismos. Con esta edición por fin, a autora, demasiado descoñecida en Cataluña fóra dos círculos de especialistas, conta coa imprescindíbel nota biográfica que faltaba nas súas memorias de Ravensbrück, El carretó dels gossos, que precisariamos traducir ao galego canto antes. Un 14 de abril proclamouse a II República Española e ese mesmo día, seica, produciuse a liberación de Ravensbrück. Se cadra este é un bo momento para recuperar as memorias Mercedes / Mercè Núñez, unha escritora imprevista que soubo da importancia de lle pór palabras a tanta dor producida polas botas e os bigotiños ridículos dos fascismos. Boa semana e boas lecturas.