Arquivo da categoría: medios de comunicación

1\ Malia a presión exercida, a lingua…

dom1<\ Retallo de Faro de Vigo (7/III/1967)

As enquisas como recurso para crear opinión veñen de vello. Nos 60 os xornais galegos proveron algunhas para que a cidadanía máis moza debuxase con voz propia unha polaroid socioeconómica, e as voces con relevo público contribuían a crear un estado de opinión, porque coa información oficial era imposíbel ter idea cabal do que acontecía. No verán de 1964 o Faro de Vigo botou todo o verán publicando enquisas sobre as causas estruturais da emigración e, logo do apoio que as chamadas linguas vernáculas recibiran desde a Unesco e desde o Vaticano, empezaron a preguntarlle ao clero rural pola vitalidade da lingua. Algunha resposta cortaba o aire: “aprendamos primero español, idioma que tendrán que hablar cuando la juventud emigra a Madrid, Barcelona, Asturias, Venezuela, Argentina…” [1]. En 1967, aberto xa o proceso para a incorporación do galego ao ensino obrigatorio, recuncouse no procedemento. A enquisa pública servía para alimentar debate e alancar cara a unha sociedade realmente máis ceiba e respectuosa, mellor formada. Traduzo do orixinal en español coa súa retórica, que nin o galego nin certas expresións prestaban na censura:

1ª. ¿Cre vostede que o idioma galego debe ensinarse nos centros oficiais de ensino?
2ª. ¿Non cre vostede que unha lingua é un tesouro que un pobo no pode deixar que se perda?
3ª. ¿Non cre vostede que unha das grandes riquezas da nosa España é esa variedade de linguas que posúe, e que todos os españois debemos estar contentos con iso e aceptalo así?
4ª. ¿Non cre vostede que en todas as bibliotecas de Galicia debe haber un fondo de libros en lingua galega, desde os trobadores medievais ata a florecente literatura dos nosos días?

Era unha enquisa en tempos de ditadura e posicionada na liberdade que daba considerar o galego como lingua equiparada. Responderon intelectuais e xente das letras, como Xohana Torres. Das respostas da escritora, breves e afiadas coma o gume, retallo uns treitos (traduzo):

1) […] O idioma galego non é reliquia lingüística ningunha.
2) E que maior tesouro que o dun país que, malia a presión exercida, mantén viva e rica a lingua e dignamente representada a súa literatura?
3) Hai xa máis de quince anos que a UNESCO se pronunciou no favor do coidado das linguas vernáculas. Xoán XXIII lembróunolo tamén nas súas encíclicas. [2]

As famosas enquisas da discordia son unha fórmula fanada para xustificar o que o goberno quixer, mais poida que cumpra recuperar aqueloutra enquisa pública nos xornais e dar voz, e non só cruceciñas, á cidadanía que, “malia a presión exercida, mantén viva e rica a lingua”. 

[1] Lama, María Xesús e Helena González. “O epistolario de Piñeiro e os debates arredor da lingua (1963-1974)”. Ramón Piñeiro. Día das Letras Galegas 2009. Coord. Antón Santamarina. Compostela: Departamento de Filoloxía Galega, USC, 2009, p. 135.
[2] “Encuestas de Faro de Vigo. Enseñanza del gallego”. Faro de Vigo (7/III/1967).


129| Xoguete

Emisión DIARIO CULTURAL 14/04/2008

Algo debe ter o abril que lle altera a bioquímica aos xornais galegos. Para min que se estresan cando botan contas do concentrado cultural que lles espera até finais de maio. Cantiños premios, conferencias e presentacións de libros apuntados na axenda e tan pouca xente para os atender! Se cadra lembran que o ano pasado La Voz de Galicia, logo do domingo de resurrección, anunciou que a poeta María Mariño ía presentar o seu último libro, cando a coitada estaba máis para un traslado ao osario que para o negro sobre branco. O xornal conseguíu o imposíbel: ter no 2007 un día das letras vivas. Pois ben, hai nove días, El Correo Gallego.es daba a nova dos Premios Nacionais da Crítica. Logo de salientar que o acadaran Helena de Carlos e Luís Rei Núñez, engaden que “a escala estatal […] os gañadores foron…”, e citábase a Chantal Maillard e Rafael Chirbes, dous escritores en español. Das literaturas vasca e catalá, nin a máis mínima información. E eu, mentres, perdida intentado recompoñer conceptos porque, segundo esa nova, estatal quere dicir ‘en español’, nacional significa ‘en galego’ e aos países que falan vasco e catalán debeulles conceder a independencia, porque nin se mentaban na información do premio. Nunha semana que levaba sen ler a prensa galega non pensaba eu que El Correo Gallego.es mudase tanto. En fin, se un medio de longa traxectoria o di…

Pero non morreu aí o conto. O ABC e La Región o día 5, e El Correo Gallego, ADN, Galicia Hoxe e La Opinión o día 6, co gallo da mesma nova, fixeron unha contribución inesperada á crítica galega porque, para explicar a xustificación do premio, seica reproducían comentarios “da representante do xurado María Jesús Noveira”. María Jesús Noveira? Logo dun demorado reconto, decateime. Ese avatar inesperado alóxase no mesmo corpo que María Xesús Nogueira, a mesmiña que lles fala os martes de libros, só que lle xibarizaron o apelido e lle traduciron o nome.

O asunto non pasaba de xoguete intrascendente para comentario chocalleiro se non fora porque denota problemas de maior profundidade. Falaba esta semana na Universidade de Barcelona Xurxo Borrazás sobre a literatura na prensa galega. Dicía que se aposta pola publicación masiva de libros galegos en coleccións cando serven para vender xornais, pero a diario as novas de cultura afogan entre os sucesos e as necrolóxicas. Porque nas cabeceiras de toda a vida mantense un desinterese endémico por esa sección, feita a base de novas de axencia, e moita cultura galega silenciada.

Unha das oíntes máis novas do Diario Cultural é a Alba, de Ourense. Os luns cádralle no coche, camiño da clase de pintura. Estoutro día pedíame que falara máis clariño, para ver se me endendía mellor. Pois hoxe vai ser doado. Mira, Alba, o que ocorre é que os xornais copian demasiado as informacións das axencias e faltan profesionais que atendan con coñecemento de causa as novas de cultura.

Boa semana coa cultura galega e boas lecturas.