Arquivo por etiquetas: Henri Beyle (Stendhal)

167| Elas e a síndrome de Rimbaud

Emisión DIARIO CULTURAL 26/01/2009

O venres pasado Daniel Salgado abordaba no suplemento Luces a chamada síndrome de Rimbaud na literatura galega, mais esa renuncia a escribir literatura pide unha segunda reportaxe centrada nas escritoras, porque os seus silencios non só abren interrogantes sobre a creación literaria senón tamén sobre as súas singulares condicións de escrita e recepción.

Daniel Salgado interrogábase sobre as razóns que levaron ao silencio literario a algúns escritores malia o éxito ou a ambición dos seus libros publicados. Procurou a resposta entre autores que non precisan grande presentación e merecen lectura atenta, como Fermín Bouza, Víctor Freixanes, Aníbal Malvar ou Anxo Quintela (si, si, o mesmo Anxo que lles fala no Diario Cultural). Mais, levando a reportaxe ao meu muíño, se hai silencios clamorosos son os das escritoras. Porque elas tamén sufriron a síndrome de Rimbaud, a miúdo como efecto colateral da súa condición de mulleres literatas. Claman os tres silencios clásicos que seguen a incomodar a historia da literatura galega: o de Rosalía de Castro cando renuncia á creación en galego, o silencio público de María Mariño, e mais o rexeitamento da vida pública de Xohana Torres (da vida pública da parroquia literaria, porque, como afirmou moitas veces, ela nunca deixou de escribir). Mais hai moitas outras escritoras que abren interrogantes coa súa ausencia. Pilar Pallarés, por exemplo. En 1996 publicou Livro das devoracións, un poemario fundamental que cumpriría ir reeditando, e desde entón só deixa pegadas en xornais, limiares e escolmas. Ou Margarita Ledo, que levou a súa vontade de escrita a unha modalidade textual á que aínda non lle concedemos a atención debida desde os estudos literarios: o guión cinematográfico. E mesmo as poetas Anxos Romeo, Mónica Góñez, Emma Pedreira Lombardía ou María Comesaña. E entre as narradoras, Laura Caveiro, que segue na vida literaria como crítica e integrante de xurados literarios, ou Eva Moreda, unha das novas promesas da súa xeración que agora seica investiga nos estudos musicolóxicos nunha universidade de Londres. A esta nómina habería que lle engadir algúns nomes máis que entrarían no que Dolores Vilavedra denominou “escritoras dunha única novela”, como María Gándara, máis coñecida co pseudónimo Lola González, ou Carmen Panero, a quen lle debo a paixón pola literatura grazas ás clases emocionantes que nos daba no instituto de Coia.

Se Daniel Salgado tiver vagar había ser ben interesante una segunda reportaxe para coñecer por boca das propias escritoras as razóns dos seus silencios. Mentres, contra a síndrome de Rimbaud non queda outra que sucumbir á síndrome de Stendhal, quen seica en Florencia quedou atordoado por unha poderosa experiencia estética. Así que lean, lean apaixonadamente e sucumban á beleza intelixente. Boa semana e boas lecturas.