Arquivo por etiquetas: Nagib Mahfuz

170| Barcelona, praza pública das letras galegas

Emisión DIARIO CULTURAL 16/02/2009

Barcelona volveu ser unha vila “galega” con intensa actividade cultural: Rosalía de Castro, o estatuto contado por Ceferino Díaz e amigos, María Reimóndez e Teatro do Morcego co seu elenco de actrices, e mais Agustín Fernández Paz, agora como narrador para público adulto.

Venres 6 de febreiro. En Sargadelos Barcelona, cheíña de xente, preséntase a antoloxía escolar de Rosalía de Castro que Joaquín Mindán preparou para La Galera. Basilio Losada actuaba como mestre de cerimonias. Ese mesmo día no Centro Galego de Barcelona falouse sobre o estatuto a propósito do libro de Ceferino Díaz, que viña acompañado polo socialista Raimon Obiols, o publicista Enrique González e mais o xornalista Tino Cabanas. Alí lembrouse o papel de José Antonio González Casanova na procura dun instrumento legal que permitiu non dar por feito o estatuto da UCD. Xa antes, nos 60 e 70, cando este era profesor na universidade compostelá, comprometérase coas actividades de estudantes universitarios e círculos galeguistas a prol da democracia. Casanova, como no seu día o represaliado en San Simón, Ernesto Carratalá, ou Mercedes Núñez, abren pontes na memoria entre Galicia e Cataluña.

Mércores 11 de febreiro. No FNAC da cabeceira das Ramblas María Reimóndez e Inma António presentan libro: El club de la calceta. Optan polo diálogo e unha intervención cantada de Estíbaliz Espinosa, e acertan.

Xoves 12 de febreiro. No Teatre Gaudí, unha sala alternativa e feituca, estréase a versión teatral da novela a cargo do Teatro do Morcego. Nos xornais anúnciase como: “les 7 millors actrius gallegues”. Hai boa afluencia de público e case ninguén con quen latricar ao remate en galego, porque a obra entrou realmente no impermeable circuíto comercial barcelonés, pouco propenso a mirar cara ao oeste. Moitas risas, complicidade e aplausos calorosos. Agora cómpre agardar pola crítica e a taquilla, porque El club de la calceta vai estar… cinco semanas en escena!

Venres 13 de febreiro. Na histórica Llibreria Catalonia, chegadiño de Valencia, Agustín Fernández Paz presenta Només ens queda l’amor (O único que queda é o amor), ilustrado por Pablo Auladell. O ambiente é xoguetón e aínda botamos unhas boas risas co sempre interesante Jordi Sierra i Fabra, que senta entre o público. Josep Gregori, o editor de Bromera, demostra a súa decidida aposta polo autor con este xoguete: facer unha nova edición para adultos do libro que acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e promocionalo como libro para namorar. Así que agora Fernández Paz comparte colección, “L’Eclèctica”, canda Pamuk, Mahfuz ou Dario Fo.

As letras galegas seguen entrando nos espazos culturais de Barcelona. Sabemos que temos un reto pendente, facernos máis visíbeis nesta praza inzada de actividades e xeitos de vivir, agora ben, interese pola produción cultural galega, habelo haino. Bona setmana e boas lecturas.